lunes. 29.04.2024
Sede dos xulgados da vila de Verín. | FOTO: Noelia Caseiro.
Sede dos xulgados da vila de Verín. | FOTO: Noelia Caseiro.

Desde o sindicado AXG-CUT levan meses denunciando a situación dos xulgados de Verín, que pola infradotación histórica do seu persoal está a prexudicar aos cidadáns do rural do partido xudicial, que se vén obrigados a trasladarse á capital de Ourense para realizar xestións que poderían executalas na sede verinense se se contase co persoal necesario e que si existe noutras dependencias xudiciais da provincia. O silencio que até o de agora está amosando o Goberno autonómico vén de levar aos funcionarios públicos dos xulgados verinenses a iniciar unha recollida de sinaturas, tanto dentro da propia sede xudicial, como polas rúas da vila -estarán cun posto na vindeira feira do día 23 de maio-, coas que reclamarán unha maior dotación de persoal.


Segundo afirman dende Alternativas na Xustiza, "a implantación das novas tecnoloxías fai necesario incrementar a dotación de auxilios nesta vila, posto que cando os auxilios se atopan pasando sala no seu xulgado non poden facer as videoconferencias solicitadas por exhorto, nin practicar actos de notificación, citación… fora do xulgado", sinalan.

E aportan coma xustificación á súa afirmación, os datos desglosados por xulgados en Verín, onde se reflicte claramente que as novas tecnoloxías avanzan e xa é cada vez máis habitual que determinados procedementos xudiciais se fagan por videoconferencia diante dun funcionario público. 

ANO 2021

VERIN MIXTO 1

VERIN MIXTO 2

EXHORTOS CIVÍS

168

86

Dos cales son videoconferencia:

19

19

EXHORTOS PENAIS

269

286

Dos cales son por videoconferencia;

65

65


O partido xudicial de Verín mantense, por xulgado, cunha única praza de "auxilio", cando noutros da provincia, como O Barco de Valdeorras ou O Carballiño, os recursos están mellor dimensionados -dous auxilios por cada xulgado-.

A falta de persoal provoca que se rexistren suspensións de actos de comunicacións (citacións, notificacións fóra da sede, etc.) así como de videoconferencias. A situación agrávase cando un dos dous únicos funcionarios con este cometido non pode acudir ao seu posto de traballo por unha incapacidade ou ben porque está desfrutrando dun permiso de descanso. 
 

Resulta que investimos en aparatos de videoconferencia e agora ese equipamento queda en desuso porque non hai medios materiais para darlle uso (Nuria Fornos, voceira de Alternativa na Xustiza)

É por iso que, dende Alternativas na Xustiza - CUT, veñen dende hai meses reclamando a creación dunha praza de Auxilio Xudicial en cada un dos xulgados da vila, petición que xa foi oportunamente remitida tanto á Direción Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia como á Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. 

Esgrimen, ademais, "unha considerable falta de coherencia por parte do Goberno autonómico. Resulta que investimos en aparatos de videoconferencia e agora ese equipamento queda en desuso porque non hai medios materiais para darlle uso", din dende o sindicato xudicial. 

Desprazamentos de ata 235 kilómetros

A falta de dotación de recursos humanos obriga, en moitos casos, a que os cidadáns do partido xudicial de Verín teñan que desprazarse ata a capital, non tendo dereito a realización de videoconferencias na vila, "perdendo así grande parte do día polo destacado desprazamento ao que se ven obrigados, como o caso da Mezquita, onde, por ser o concello máis alonxado da capital, teñen que percorrer más de 235 kilómetros", calculan. 

Este luns 16 de maio, logo da negativa da Xunta á dotación, de xeito transitorio, das prazas de reforzo de Auxilio Xudicial de Verín, as traballadoras dos xulgados iniciaban unha recollida de sinaturas tanto nas dependencias xudiciais como polas rúas da vila, ás que sairán o vindeiro día 23 de maio, coincidindo ca tradicional celebración da feira. 

Recollida de sinaturas dos traballadores dos xulgados de Verín reclamando máis persoal