sábado 19/09/20
Nos montes de Ábedes deixáronse ver pancartas do #Verínnonsepecha, e a carón do hospital os membros do peche tamén o festexaron

Un San Antón minguado pero moi reivindicativo

O venerado patrón dos animais, lixeiramente colorado, camiño do altar da capela de San Antón, logo da tradicional subasta. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
O venerado patrón dos animais, lixeiramente colorado, camiño do altar da capela de San Antón, logo da tradicional subasta. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Cando comeza a escribirse esta crónica aínda quedan moitos dos romeiros do San Antón perdidos entre as xestas da aba do monte, de xeito literal pero tamén metafórico, porque de seguro que o viño e a cervexa estarán a facer un chisco de efecto para conseguir tal fin. Ben é certo que este ano, aínda que a climatoloxía respectou notablemente o día -malia o que cabía esperar de véspera-, foron menos os congregados ao pé da capela para a eucaristía e posterior bendición de todo animal vivente, xa fosen mascotas -escasas tamén, non superaban a media ducia-, crentes ou cigarróns, que se deixaron ver por primeira vez este ano antes do Entroido, no que xa constitúe a ignición dos motores entroideiros de cara a grande festa da vila que despegará dentro de pouco menos dun mes. 

Agora, a relación de viandas comeza a ser considerable, e nas diversas carpas pode atoparse de case todo, incluso, como se chegou a ver, uns callos que se estaban a quentar nas brasas nunha vella pota de porcelana

O guión, de todos coñecido. Porque pouco máis hai que engadir ás edicións anteriores. O inxenio de moitos dos asistentes acaba por converter un sinxelo plástico nunha verdadeira obra de arte arquitectónico temporal digna de calquer destacado arquitecto. Logo, tampouco os menús son fixos. Cando quen suscribe era cativo, o chourizo era a estrela única, con algún que outro lixeiro acompañamento e pan. Agora, a relación de viandas comeza a ser considerable, e nas diversas carpas pode atoparse de case todo, incluso, como se chegou a ver, uns callos que se estaban a quentar nas brasas nunha vella pota de porcelana. Por suposto, a panceta, a costilla, a empanada -algúns mesmo perderon os oficios relixiosos por chegar con ela ben quente-, a tortilla, viño, cervexa e pan non podían faltar na lista. 

santo4Rosa, Mari, Fina, Rosa Mari, Olga, Paquita, Mercedes e aos fogóns, José Antonio, nunha das tendas de campaña máis sofisticadas que se viron. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Tampouco faltaron os cigarróns que, precedidos da Banda de Gaitas do Concello de Verín, acompañaron aos fieis que participaron na procesión con orixe na igrexa parroquial de Ábedes e punto de destino, media hora despois, na capela do San Antón. Por se alguén tiña dúbidas de que o Entroido estaba a chegar, a súa comparecencia e o par de voltas que lle deron ó pequeno templo disipounas por completo. 

A festa, rachada, continuou pola tarde da man da charanga Los Támega, deixándose ver algunha cara coñecida da pequena pantalla -non do móbil, senón da TVG, como Rubén Riós-, que aceptou o reto de convertirse en reporteiro de Diario do Támega por un par de minutos. Coñecidos eran tamén moitos dos impertérritos nesa celebración, que dende ben cedo tiñan todo preparado para comezar a tirar de viño, pan e chourizo a esgalla. 

Pero, tamén os xoves gañan protagonismo na festa, aínda que para eles quedan as tendas de campaña menos sofisticadas e moito máis íntimas, xa cara o fondo do pequeno val entre os montes de Ábedes. Iso si, a música non podía faltar. Cáseque era sinxelo identificar os postos polos sons que deles proviñan, algúns a golpe de Aute cara as dúas da tarde por un erro do "pincha".

santo5 Tres elementos fundamentais: un todoterreo cargado de palets e un altofalante no alto do remolque. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

Con todo, asistentes, organización e mesmo voluntarios de Protección Civil do Concello de Verín coincidiron en sinalar que esta edición, pese a numerosa presenza de medios de comunicación quizás a rebufo do tirón mediático do hospital, foi unha das menos concurridas da festividade. Explicacións? Moitas: que se a cativada universitaria aínda estaba con exames; que se "co que chovía onte pola tarde a leña e o monte ían estar xeitosos...", ou mesmo que "tendo o Entroido en poucas semanas, hai que lle facer sitio ó cocido logo do Nadal", dicían algúns, curiosamente, dos presentes no monte. 

OS CHOURIZOS TAMÉN SE ASARON DIANTE DO HOSPITAL

E, por suposto, coa crise do paridoiro enriba da mesa da nova xerente do hospital, Guillermina Agulla, tiña que estar presente por algures o lema do #Verínnonsepecha. Varias das carpas sostían pancartas con esa lenda, e non eran poucos os empregados do hospital que se deixaron ver na romaría que colgaban do pescozo ou ensinaban no peito a pegatina identificativa da causa.

santo8Dous traballadores do Sergas: Javier Castrillo, xefe de Xinecoloxía do hospital verinense, e Marta Blanco, técnico de coidados auxiliares de enfermaría, facendo valer a súa causa. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

santo6Unha das carpas "adornada" coa pancarta do lema #Verínnonsepecha. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

Pero non só nos montes do San Antón estaban presente o ánimo reivindicativo. Cara as seis da tarde comezaba a quentarse a barbacoa dos "pechados" no hospital de Verín, aínda que, desta vez, na beirarrúa de enfrente do mesmo, fóra do seu recinto. Traballadores do centro hospitalario, membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei e da Comisión delegada do persoal quixeron trasladar este ano parte da celebración a carón do paridoiro que permenece pechado por orde da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras. 

santo7Diante do hospital de Verín tamén se asaron os chourizos e a panceta. 

Co mesmo ánimo de protesta pero sen perder folgos e sorrisos, botaron enriba da grella chourizo e panceta a fartar. 

Un San Antón minguado pero moi reivindicativo
comentarios