luns 27.01.2020
"Pediunos 20 días para xestionar a reapertura do paridoiro, estaremos expectantes", di Aurora Sola, portavoz do Colectivo

Marxe de confianza da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca a Agulla para que cumpla o seu obxectivo

Guillermina Agulla, á esquerda con papeis, escoita as explicacións dos integrantes do peche.
Guillermina Agulla, á esquerda con papeis, escoita as explicacións dos integrantes do peche.

Pouco antes das oito da mañá era unhas trinta persoas as que agardaban diante do despacho de Dirección do hospital a Guillermina Agulla, a nova xerente nomeada polo Sergas para atallar a crise aberta pola decisión unilateral de Félix Rubial de pechar a unidade de partos de Verín, e que máis tarde avalarían José Luis Doval -xefe de Xinecoloxía en Ourense-, Santiago Fernández Cebrián -máximo responsable do Servizo de Pediatría da Área Sanitaria- e 44 facultativos máis do CHUO. 
Hai quen facía apostas e dicía "se é que tiña medo de se presentar ou mesmo que andaría por Ourense asinando o contrato de traballo". Outros lembraban a súa etapa de directiva nese hospital e a súa puntualidade británica á hora de incorporarse pola mañá. 

Mi objetivo, mi lucha, van a ser conseguir los pediatras porque se necesitan para cuando se atiendan partos, como es lógico. Con posterioridad, cuando esté superado este primer objetivo, comenzarán a analizarse otras necesidades. (Guillermina Agulla)

Non se tardou en desvelar o misterio. Pouco despois das nove da mañá comezaban a rebulir mensaxes de Whatsapp por todo o hospital, convocando con media hora de antelación a Xefes de Servizo, Supervisoras e, máis tarde, aos membros da Comisión delegada. Con independencia de que tamén se analizou levemente a situación do hospital no seu conxunto, a consigna coa que chegaba Agulla era clara: "Mi objetivo, mi lucha, van a ser conseguir los pediatras porque se necesitan para cuando se atiendan partos, como es lógico. Con posterioridad, cuando esté superado este primer objetivo, comenzarán a analizarse otras necesidades", aseguraba Agulla Budiño a todos os representantes cos que se foi entrevistando ao longo da mañá. 

E, como mostra de que en efecto chegaba coa lección moi ben aprendida, foi que lle adicou moi pouco tempo a darlle explicacións aos membros de Plataforma e demais veciñanza concentrada ás portas do seu despacho cara as doce do mediodía: "Tengo que dejarles porque justamente ahora está aguardando una profesional de Pediatría que debo entrevistar", lles aseguraba, logo de pedirlles, de maneira cordial, que abandonasen o peche dentro do hospital por considerar que era un recinto no que non se debían protagonizar actos de protesta deste calibre. 

Agás algunha que outra increpación lixeiramente subida de tono, os poucos minutos que lle adicou aos concentrados foron suficientes para confirmar que aínda que non se desmantelaría o peche, si crían que Guillermina Agulla non viría do seu descanso indefinido como profesional da medicina sen a solución, alomenos, a unha das principais e recientes carencias do centro hospitalario, o seu paridoiro. 

 

ENTREVISTA A AURORA SOLA, PORTAVOZ DA PLATAFORMA

Aurora Sola, portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei.

Aurora Sola, portavoz de Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

É evidente que a estrela da xornada foi Guillermina Agulla e o seu anuncio de reabrir o paridoiro. Cre nela?

Manifestounos a súa voluntade de reabrir o paridoiro e as emerxenzas pediátricas, e pediunos vinte días para poder xestionar a súa reapertura. Aínda que estaremos expectantes, teño a confianza de que sexa unha realidade o antes posible.

Que prazo lle outorga a Plataforma para que se reabra o paridorio, porque a pesquisa de pediatras pode demorarse no tempo indefinidamente?

Pediunos unha marxe de tempo, e claro está que llo imos dar. De todas formas, continuaremos co peche indefinido o tempo que sexa necesario. Pero creo que xa está contactando con algúns pediatras que mostraron interés en vir a traballar a Verín. Iso xá é moi positivo. 

Se vén coa intención de abrir o paridoiro con pediatras, por que cre que ela non forzou á Xerencia para que mantivese as quendas de Pediatría que xa estaban elaboradas para Verín?

Moi sinxelo, porque a intención do Xerente de Ourense, Félix Rubial, era e segue sendo pechar o paridoiro e as urxencias pediátricas.

Se se atopan pediatras, e reabre o paridoiro, seguirán coas mobilizacións?

Nos reivindicamos a apertura do paridoiro e das emerxencias pediátricas, pero tamén reclamamos que volte o servizo de Dermatoloxía, que a pesar de que o profesional ten a súa plaza en Verín, está traballando en Ourense. Tamén se demandan anestesistas, e profesionais de medicina interna.

Se se reabre o paridoiro, creo, sin lugar a dúbidas, que terían que cesar a Félix Rubial, porque el foi o responsable desta decisión.

Cre que Rubial quedaría desautorizado se se reabre o paridoiro?

Se se reabre o paridoiro, creo, sin lugar a dúbidas, que terían que cesar a Félix Rubial, porque el foi o responsable desta decisión, poñendo en cuestión a profesionalidade dos xinecólogos e matronas, xustificando o peche por falta de seguridade para parir en Verín e a falta de pericia dos profesionais deste hospital.

E o resto de xefes de Servizo do CHOU de Xinecoloxía e Pediatría así como os 44 facultativos que asinaron aquel documento?

Consideramos que o máximo responsable desta decisión é o Xerente, Félix Rubial. Os xefes de Servizo supoño que recibirían órdenes.

Marxe de confianza da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca a Agulla...
comentarios