viernes. 26.04.2024
Luís Juan Dameá, de DDD, desinfectando o colexio público de Cualedro.

Luís Dameá, a través da súa empresa DDD Verín, especializada en desinfección e control de pragas, leva máis dun ano fumigando contra o coronavirus. Foron meses frenéticos e "chegar a todos os lugares foi case 'misión imposible'". Non obstante, dende ben cedo vestía o seu Equipo de Protección Individual, os guantes, a pantalla e a máscara e saía á rúa, en primeira liña, cando case tódolos demais estabamos confinados. Facíao ben provisto co seu uniforme e armado coa súa particular "pistola". Unha arma mortífera que lanza microgotas de desinfectante para aniquilar ao virus, tanto no aire como na superficie.

Utilizamos a termonebulizadora, unha máquina que quenta o desinfectante ata 1.000 graos. Ese é o fume que vedes. Ademais incorporamos un produto que protexe ese desinfectante para que dure máis. Despois da fumigación, recomendamos varias horas de prazo de seguridade porque esas microgotas son perxudiciais, non se poden respirar (Luís Dameá)

termonebulizadoraLuís Dameá, de DDD Verín, coa súa máquina termonebulizadora. | FOTO: M. D.

Podería considerarse un dos modernos 'cazafantasmas'. Os de Nova York enfrontábanse a sucesos paranormais... Os de aquí encaraban diariamente a cruda realidade. Luís, cada día, fumigaba varios lugares públicos, centros de saúde, hospitais, residencias, parques; pero tamén privados, a petición dos propios donos, horrorizados coa Covid - 19.

A desinfección foi recorrente durante moitos meses, moi intensa ata o mes de decembro. Agora xa non tanto e penso que nisto puido influír a perda do medo a contaxiarse... E de forma positiva, tamén a vacina (Luís Dameá, de DDD Verín)

A pesar da caída dos reclamos de forma profesional, Luís aconsella seguir facendo estes labores de desinfección de maneira doméstica con produtos aptos porque, como di, "o medo vai marchando pero o coronavirus aínda non". Non obstante, recalca a importancia de evitar outras técnicas que poden chegar a ser perigosas. "Encontrei a moita xente desinfectando con ozono. Nin sequera está demostrado que sexa un desinfectante contra a Covid - 19. O ozono é perxudicial para as persoas porque para lograr unha boa desinfección fai falta moita cantidade".

 

Á caza da vespa velutina

Como cada primavera, a Mancomunidade de Verín comeza a súa campaña contra a vespa velutina na comarca. Nesta época é crucial evitar que se constrúan os niños primarios, polo que é o momento perfecto para colocar as trampas que atraerán á raíña, responsable da fabricación do segundo niño, o máis perigoso. Os encargados da súa colocación son, dende hai anos e a través dun convenio coa Mancomunidade, o propio Luís Dameá e a súa empresa.

Ao igual que na Covid - 19, chegar a todas partes con isto é imposible. É importante que particulares tamén coloquen trampas, pero que non o fagan de maneira individual. O ideal sería facelo de forma conxunta, por exemplo, concellos enteiros. Así estarán orientados, saberán como colocalos e evitarase atraer á mestura a outras especies non invasoras (Luís Dameá)

Existen diferentes artefactos e fórmulas para as trampas que dan caza ás velutinas. No mercado atopamos diversos produtos químicos pero tamén se poden preparar de maneira caseira. "Eu mesturo tres partes de zume de arándanos cunha de cervexa negra. É o que mellor me funciona. Meto ese cóctel nunha botella de plástico, con dous buracos laterais. Unha vez que a vespa entra, dada a dimensión das súas ás, élle imposible saír".

170729755_3882972471790875_3365101787473753315_nTrampa para a vespa velutina. | FOTO: Luís Dameá

Pero, que ocorre cando a trampa non é suficiente e a raíña logra construír un niño? É humanamente imposible capturar a tódalas raíñas de tódolos lugares da comarca, por iso, proliferan os primeiros niños. A velutina raíña no seu ciclo vital sempre constrúe dous. Estes son o precedente ao verdadeiro perigo. Trátase de niños máis pequenos, vulnerables e delicados. Son os máis accesibles e os máis fáciles de retirar.

Creei un produto e a través dunha pértega introdúzoo no niño. Nun par de días todas están mortas e podo quitalo. O importante é que morra a raíña, porque senón fará outro niño primario (Luís Dameá)

E despois dese primario, virá inevitablemente o segundo. O máis difícil de combater. "Están en grandes alturas e a pértega non chega a eles. Nestes casos utilizamos unha escopeta de balíns, os cales son impregnados dun atraente, e á hora de perforar o niño déixano infectado. Este proceso é algo máis longo que o anterior, pois hai que ter en conta que moitas das vespas do niño están fóra e hai que agardar a que volvan entrar para que se infecten e, despois, tamén morran".

IMG-1986As arredor de 300 velutinas raíña capturadas dende o pasado mes de marzo na comarca. | FOTO: M. D.

A especie chegou á nosa comarca, concretamente a Pazos, alá polo 2016, momento no que se atopou o primeiro niño; e parece ter superado o problema que lle supón o inverno frío e o verán moi seco habituais da nosa zona. "Algo se está facendo mal cando traballamos para combater unha especie e cada vez aparecen máis. Se non se traballa a nivel global do norte de España, que é onde máis abundan, nunca se van poder controlar e imos ter que aprender a convivir con elas."

Dende que comezou a campaña xa foron instaladas máis de 230 trampas na comarca. Polo momento, foron capturadas arredor de 300 raíñas aínda que se estima, poderán sumar unhas 1.000 chegado o mes de xullo.

O moderno 'cazafantasmas' da Covid-19... E da vespa velutina