domingo 17/01/21
No ano que vén de rematar naceron no hospital verinense 115 bebés

O paridoiro de Verín pechou o 2020 con case o dobre de partos do 2019

Valeria, que naceu na madrugada do pasado día 31, foi a última das cativas en facelo en Verín. Fixo o número 115, que sería o 123 se se suman os oito nacementos de xaneiro en Ourense de nais que deberían de ter parido no hospital verinense no xa pasado 2020

José Luis Doval, Félix Rubial e Santiago Fernández Cebrián, os tres homes que quixeron pechar o paridoiro de Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
José Luis Doval, Félix Rubial e Santiago Fernández Cebrián, os tres homes que quixeron pechar o paridoiro de Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Vén de rematar un ano, o 2020, que comezara 12 meses atrás co paridoiro de Verín pechado a cal e canto e coa polémica desa decisión bulindo polos pasillos do complexo hospitalario local. Nesas mesmas datas, pechábase a estadística do 2019 co resultado de só 64 nacimentos na vila, a máis baixa do último lustro, dende os 130 rexistrados no 2015.

Foi precisamente esa caída dos natalicios e o incremento das derivacións a Ourense das mulleres que estaban sendo seguidas polas matronas de Verín o que deu pé a que Félix Rubial decidise, o 22 de novembro, facer público que pechaba o paridoiro. 

Logo de dous meses pechado e coa tensión propia entre facultativos de Ourense e Verín xa por todos coñecida, Guillermina Agulla asumía a dirección do hospital comarcal co paridoiro reaberto. E, como se dun efecto reflexo se tratase, o ano 2020 vén de confirmar o pernicioso que sería para as nais do distrito non ter as portas dese servizo abertas. 115 foron os nenos que viron a luz neste ano que xa rematou, aínda que poderían ser 123 se a esa estadística se enganden os oito rapaces que naceron en Ourense no mes de xaneiro do 2020, cando aínda estaba clausurado o paridoiro local. 

Belén Vázquez Gómez, unha das matronas do hospital de Verín que máis se significou na loita por manter o paridorio aberto, non agocha a súa satisfacción polos resultados, "que no hacen si no confirmar que estábamos en lo cierto cuando peleábamos por mantener el paritorio abierto. Si contamos con pediatras y no nos obligan a derivar partos a la capital, el paritorio de Verín volverá a las cifras de años anteriores, con medias de entre 120 y 130 nacimientos", asegura esta profesional sanitaria. 

Valeria, a derradeira do 2020; Santiago, o primeiro do 2021

Santiago, cos seus 2.830 gramos, foi o primeiro cativo en nacer en Verín neste 2021 que acaba de comezar. Fíxose agardar. Unha cesárea tróuxoo a este mundo ás 5:26 horas deste sábado día 2 de xaneiro. 

O último bebé en nacer en Verín no 2020 foi unha nena, Valeria. Pesou 3,5 kilos e naceu ás 5:55 horas do derradeiro día do ano. 

O paridoiro de Verín pechou o 2020 con case o dobre de partos do 2019
comentarios