sábado. 27.04.2024
A alameda de Verín.
A alameda de Verín.

Alameda: Deriva de álamo, voz que designa en castelán o Populus alba e outras especies arbóreas do mesmo xénero. O correspondente en galego é amieiro. Pero do latín populu- temos chopo/choupo, en galego. O derivado  en -eta: alameda é un castelanismo. Hoxe parece insubstituíble, veu para quedarse. Existe a forma A Lameda en Oímbra. Pode tratarse dunha deglutinación lingüística ou dun derivado de lama. As deglutinacións en toponimia ou na lingua común son frecuentes: Orriós (O Riós), Oxurés (O Xurés), obispo (o bispo). As segundas solucións pseudohistóricas foron as que triunfaron. A denominación anterior que tiña  A Alameda de Verín era O Toural, debido á actividade feiral que se facía nese recinto. Anteriormente  O Toural xa estivera noutro lugar, preto do actual Concello, e como podemos comprobar, desapareceu, para decatármonos como os topónimos desaparecen e con eles parte da historia. Neste caso as feiras de gando facíanse nuns lugares denominados “o toural”, perdeuse a actividade económica social e con ela foi o topónimo.

Enfistela: Derivado de Enfesta/Infesta no léxico común significa pendente ou inclinación do terreo, tamén se pode intuír o significado altura. A pendente do terreo pode verse de abaixo a arriba ou de arriba a abaixo. De aí que as localidades denominadas Infesta, Enfesta, Enfestela... poden estar situadas nas ladeiras ou abas ou tamén na parte alta ou baixa dun monte.

Desde o punto de vista etimolóxico parece derivar do latín: infestus, -a, -um  co mesmo significado de “levantado ou parte alta dun terreo baldío ou labrado”. Algúns especialistas en toponimia relaciónano co xermánico first “cumio da casa”. Moitas veces sorpréndenos que topónimos que indican altura, ladeira etc estean nunha chaira ou val. Pero así é. Moitas veces, no caso das poboacións, téñense feito desprazamentos da ladeira ao val, noutras no é fácil xustificar estes topónimos no val ou chaira.

(....)  de Gonçalvo  Martís, seu fillo, que iaz Eenffestella, a qual viña frey Martín Pelaez conprou de ... (Ferro: 49)

As Tuelas: Derivado celta ou precelta de tau-, tai-, ti-, tu-: “fluír”, hidrónimo paleoeuropeo que deixou unha grande gama de variantes. Probablemente derivado diminutivo  de “Túa”. O río Tuela forma a parte alta do Túa, de aí o derivado diminutivo.

Chama a atención en galego este ditongo pero neste caso está totalmente xustificado: *tua-+-ellas>*tuaellas>*tueelas>Tuelas. Outra posibilidade é que o sufixo sexa -olas. Esta versión vale para o castelán pero non para o galego ou português.

En Verín este topónimo está nunha zona onde é de supoñer que había moita auga. Falaremos algún día das Félvoras en Ábedes onde se dá unha situación parecida, hoxe non hai fervenza pero algún día houbo moitos mananciais de auga que formaban pequenas cachoeiras.

Os Poulós: No léxico común encontramos poula, poulón... do latín pabulu(m) “pasto”. Xa que logo dun derivado de pabulu- + -ones temos “poulós” de acordo ás solucións dadas no galego central para as palabras latinas rematadas en -anes, -ones...

O apelido Gamote: O Dic. Xerais define “gamota” : “Planta  monocotiledónea das familias das liliáces e do xénero Asphodelus  de follas estreitas e longas e talo estreito e liso rematado nun conxunto de flores brancas ou rosadas en forma de acio; abrótega.”  E o Dic. da RAE define “gamón”: ”Planta de la familia de las liliáceas...”  Exactamente igual. Entre os derivados en galego temos: Gamón/gamota, gamoal, gamoeda, gamote. Existe o topónimo O Gamote en Trasmiras. En português ten outros significados: vaso de madeira que serve para achicar a auga nos barcos etc.

O apelido pode derivar tanto do nome da planta como do topónimo. Tratándose da planta pode referirse a unha parte, talo, que seco se usaba como candea. Ao longo do territorio galego “gamón” e “gamota” refiren a planta ou o talo, alternativamente. “Gamoal” e “Gamoeda” expresan os colectivos vexetais.

Hai en Galicia 58 apelidos Gamote;  dous, en Verín; 27 no Riós; 23 en Vilardevós e 7 en Vigo. Dos outros membros desta familia léxica (gamón, gamota, gamoeda, gamoal) non hai apelidos en Galicia.  

ONOMÁSTICA | Os topónimos Alameda, Enfistela, As Tuelas, Os Poulós e o apelido Gamote