xoves 21.11.2019
O xesto de xenerosidade do adegueiro José Luis Mateo e de Eloi Domínguez contribúe a conservar e difundir a historia da bisbarra

Dous veciños de Verín implícanse co Museo local doando pezas particulares para a súa exposición permanente

Xa son dous os veciños da bisbarra que se comprometen co Museo Claustro Mercedario cedendo pezas particulares para que formen parte da colección do museo da vila. Un singular pipote de carro, cedido por José Luis Mateo, e os derradeiros carrís do tranvía de Cabreiroá, cedidos por Eloi Domínguez, quedarán expostos ó público como pezas que van conformando o relato do pasado da bisbarra.

Eloi Domínguez, dono das pezas, e Gerardo Seoane, Alcalde de Verín, na sinatura da cesión dos derradeiros raís do tranvía de Cabreiroá.
Eloi Domínguez, dono das pezas, e Gerardo Seoane, Alcalde de Verín, na sinatura da cesión dos derradeiros raís do tranvía de Cabreiroá.

Dende que o Museo Claustro Mercedario abriu as súas portas, hai xa tres anos, converteuse en punto de referencia da rica historia das terras de Monterrei. Creado co obxectivo de por en valor os recursos históricos, patrimoniais, naturais e culturais da bisbarra, pouco a pouco vai forxando o relato dun pasado que da conta da identidade propia destas terras.

Se ben a iniciativa partiu do Concello de Verín, como unha aposta clara pola dinamización e difusión dos valores endóxenos do territorio, agora son os propios veciños da vila os que se comprometen co Museo de Verín achegando pezas singulares da súa propiedade que, ata o de agora, permanecían nas casas sen poder ser coñecidas polo público.

Eloi Domínguez, veciño de Verín, acaba de doar ó Museo Claustro Mercedario os derradeiros carrís que se conservan do tranvía que unía a vila con Cabreiroá. As pezas levan en mans da súa familia moitos anos, pero con esta cesión pretende que se poda facer un aproveitamento público das mesmas e que contribúan ó coñecemento da historia da vila.

Os vellos carrís recuperados son dous tramos de cinco metros de lonxitude cada un deles, que serán instalados na súa ubicación orixinal

Na sinatura da cesión, Eloi Domínguez recoñeceu sentirse agradecido por poder contribuír a conservar o noso pasado, motivo polo cal decidiu rescatar os vellos carrís que formaban parte do seu patrimonio familiar. Trátase de dúas pezas do antigo tranvía, dous tramos de cinco metros que, ata o de agora, eran utilizados como parte da estrutura dunha dependencia.

O Concello de Verín ten intención de instalar os vellos carrís do tranvía na súa localización orixinal, co obxectivo de lembrar aquela infraestrutura que unía a vila de Verín co balneario de Cabreiroá cun tranvía de tracción animal. Será o Museo Claustro Mercedario o que reciba as pezas para elaborar un traballo interpretativo sobre as mesmas.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, agradeceu a doazón de Eloi Domínguez afirmando que é un "exemplo de xenerosidade para o seu pobo, que contribuirá a divulgar a historia de todos, para coñecer mellor o noso pasado". Unha vez máis, aproveitou para animar a todos os veciños e veciñas a que cedan ou doen aquelas pezas que consideren de interese, para que "levantemos entre todos un proxecto común baseado na nosa identidade".

UN VELLO PIPOTE CARRETEIRO

Non é a única peza que recibe o Museo Claustro Mercedario como doazón. O recoñecido adegueiro José Luis Mateo foi o primeiro en asinar a cesión dunha peza singular relacionada co mundo do viño, un dos eixes temáticos do Museo de Verín dende que abriu as súas portas. 

Mateo, de Adegas Quinta da Muradella, formalizou a cesión dun pipote carreteiro para a súa exposición, completando a colección xa existente no Museo, e sinalando que "facer cultura do viño é aportar un elemento esencial para diferenciar o noso territorio. (...) Temos que contar todos a historia do noso viño"

Trátase dunha peza cun significado especial na bisbarra, xa que a maior parte da producción de viño destinábase á venda tras o seu transporte. Un barril cun deseño particular, adaptado ó transporte en carro; os pipotes de carro tiñan que poder ser cargados e desplazados con asiduidade polos camiños, de aí a necesidade de axeitar o seu deseño.

MCM Doazón Mateo_baixaJosé Luis Mateo, de Adegas Quinta da Muradella, e Gerardo Seoane, Alcalde de Verín, asinando a cesión do pipote carreteiro.

José Luis Mateo, premiado adegueiro e gran defensor da súa terra, fixo un chamamento a todos os veciños e veciñas a que participen coa doazón de pezas ó Museo Claustro Mercedario. "Todos temos pezas singulares que son dignas de contar unha historia especial sobre o noso pasado, e esa é a mellor aportación que lle podemos facer á comarca de Monterrei.

Gerardo Seoane agradeceu a cesión da peza por parte de Mateo, ó tempo que aproveitaba para loalo afirmando que "é un exemplo para toda a nosa comarca, tanto na súa excelencia profesional como personal

MUSEO CLAUSTRO MERCEDARIO

Dende a súa apertura hai tres anos, o Museo Claustro Mercedario fixo fincapé na difusión e interpretación da identidade da comarca de Monterrei, con especial atención á cultura do viño. Dende a súa primeira exposición, “Dionisos, 2000 anos de viño en Monterrei”, o museo foi desenvolvendo contidos relativos ó cultivo, ás características organolépticas do caldos de Monterrei co seu Túnel do Viño, e mesmo ós seus destilados.

A calidade das mostras expositivas sobre o mundo do viño na bisbarra é tal que a Cidade da Cultura de Galicia solicitou o traslado da interpretación do conxunto escultórico “Dionisos e Ampelos” ó monte Gaiás, para a súa exposición na mostra “Galicia, un diálogo co mundo”, que albergará con motivo do Xacobeo 2021.

Dous veciños de Verín implícanse co Museo local doando pezas particulares para a súa...
comentarios