venres 17/09/21
Un deles, híbrido

NOTICIAS VERÍN | A Policía Local reforza a súa frota con dous novos vehículos

Un dos novos vehículos que estreará a Policía Local de Verín.
Un dos novos vehículos que estreará a Policía Local de Verín.

A concelleira de Recursos Humanos e Réxime Interior, Rosario Rodríguez, vén de anunciar que nos vindeiros días o Concello de Verín recibirá dous novos vehículos, destinados a aumentar os recursos e medios cos que conta a Policía Local.

O pasado 9 de xuño, o consistorio asinou coa empresa Grupivazgle SL un contrato de subministración por renting destes vehículos por un período total de 5 anos. Será a primeira vez que a frota local conte cun vehículo híbrido, contribuíndo así a lograr os obxectivos marcados pola Axenda 2030.

"Somos conscientes de que o número de efectivos no corpo de Policía Local do Concello de Verín diminuíu debido a prexubilacións e incapacidades absolutas no seu persoal. É por isto que desde o grupo de goberno aprobamos dúas ofertas de emprego público cuxa finalidade é dotar de tres efectivos máis á Policía Local", engadiu Rodríguez.

Segundo explicou a concelleira, a día de hoxe, non é posible sacar ditas prazas xa que os sindicatos CIG e CSIF teñen recorridas ambos a oferta pública do ano 2019, e CIG tamén a oferta correspondente ao ano 2021. "É sorprendente que a CIG impugnara a oferta do 2021 estando sentada na negociación", engadiu.

Por último, Rodríguez anunciou tamén que o Concello ten por riba da mesa a oferta económica correspondente ao mantemento da zona azul, a cal permitirá a posta a punto dos parquímetros, e cuxa xestión e mantemento será realizará por persoal municipal.

NOTICIAS VERÍN | A Policía Local reforza a súa frota con dous novos vehículos
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade