mércores 16/06/21
Gonzalo Vaz, Miguel Rivela e Leo San Miguel quedaron segundo, cuarto e sexto respectivamente

NOTICIAS VERÍN | Tres alumnos do CEIP Amaro Refojo, entre os dez mellores nun concurso internacional de cálculo mental

210608 FINALISTAS CALCULO MATEMATICO
Os tres finalistas do certame con Ricardo Rodríguez, director do CEIP Amaro Refojo (esquerda) e Gerardo Seoane, alcalde de Verín (dereita).

Tres verinenses, estudantes de terceiro de primaria do CEIP Amaro Refojo, forman parte dunha exclusiva listaxe a nivel mundial. Gonzalo Vaz, Miguel Rivela e Leo San Miguel conseguiron o segundo, cuarto e sexto posto respectivamente nos campionatos escolares superTmatik sobre cálculo mental. Acadaron estas marcas entre os máis de 20.000 participantes na súa categoría.

Os menores -acompañados polo director do centro educativo, Ricardo Rodríguez- foron recibidos hoxe na casa consistorial polo alcalde, Gerardo Seoane, quen os obsequiou con tres exemplares do libro “A historia de Verín en 100 obxectos, editado polo ente municipal. "E un gran orgullo para todos nós contar con tres verineses entre os mellores do mundo en calculo mental, sobre todo tendo en conta que competiron con máis de 20.000 persoas", explicou Seoane.

O campionato

Destinadas ao alumnado do ensino básico de escolas públicas e privadas, as competicións SuperTmatik alíñan as compoñentes didáctica e lúdica, nunha fórmula xeradora de motivación extra para as aprendizaxes. Trátase dun campionato que se celebra a nivel mundial vía internet, no que participaron 298.550 alumnos e alumnas de máis de 45 nacionalidades diferentes divididos en nove categorías. A clasificación realízase co mellor tempo conseguido polos participantes nos tres intentos cos que contan para resolver as 15 probas con operación combinadas ás que se enfrontan. É un concurso que se celebra de maneira anual dende o 2006.

Os dez mellores

  • 1 Joaquin Lukas Gabog. International British Academy - 00:00:33:42
  • 2 Gonzalo Vaz Parada. CEIP Amaro Refojo (Verín) - 00:00:36:29
  • 3 Segismundo Colomer. San Francisco de Paula - 00:00:36:49
  • 4 Miguel Rivela. CEIP Amaro Refojo (Verín) -  00:00:36:96
  • 5 Leticia Mendes. Escola Portuguesa de Cabo Verde -  00:00:38:58
  • 6 Leo San Miguel. CEIP Amaro Refojo (Verín) - 00:00:38:94
  • 7 Rodrigo Henriques. CCRCCR - 00:00:39:51
  • 8 Aarav N. Patel. GIIS Malaysia - 00:00:42:49
  • 9 Ellin Silva. Escola Portuguesa de Cabo Verde - 00:00:43:03
  • 10 Pablo Martínez. Miravalles El Redín (Pamplona) - 00:00:43:37

NOTICIAS VERÍN | Tres alumnos do CEIP Amaro Refojo, entre os dez mellores nun concurso...
comentarios