
O Hospital de Verín está sendo sometido a unha política de desmantelamento por parte da Xunta de Galicia desde o ano 2015, denuncian os traballadores representados pola Comisión Delegada do Hospital. O Servizo de Medicina Interna, que “estaba recoñecido como un bo servizo en canto ao seu funcionamento”, é un “caos”, alertan este mércores nun comunicado emitido a media mañá.
“Representantes dos traballadores, queremos facer publico a nosa preocupación por o que esta acontecer no Servizo de Menciña interna, o caos provocado por a falta de Xestión na cobertura de facultativos, está a provocar unha situación de total deterioro la calidade asistencial de dito servizo", advirten a nota de prensa da Comisión Delegada.
As traballadoras e traballadores sosteñen que desde o 2015 se está optando por “reducir o número de efectivos”, mentres aumenta a poboación a ser atendida, mesmo doentes da comarca de Xinzo da Limia e da zoa de Sanabria. A situación empezou a agravarse, lembran, cando se pasou de 8 a 7 facultativos porque non se cubriu a praza do Xefe de Servizo cando este se xubilou.
Agora, o caos é maior. “Hai 4 facultativos de interna e un hematólogo, responsable do banco de sangue no laboratorio, para facer gardas (...) o que implica que teñan que vivir practicamente no hospital para dar cobertura de 24 horas, provocando isto unha situación de extremo caos, tanto a nivel profesional como na calidade asistencial”, denuncian.
A nota da Comisión Delegada explica que un facultativo ten solicitada a exención de gardas, e ademais entre o persoal hai unha baixa de longa duración que non se cubre.
A situación é “de extrema gravidade”, segundo cualifican os traballadores, porque aumentará o número de urxencias “ao non poder ser atendida a poboación na consulta”.
“Desde a dirección estase a pedir os facultativos do servizo a súa voluntariedade para cubrir gardas”, alertan os traballadores. E din ademais que se están a anular “citas programadas de pacientes en consultas externas de xuño a outubro por non ter facultativos para poder atendelas”.
A situación é “de extrema gravidade”, segundo cualifican os traballadores, porque aumentará o número de urxencias “ao non poder ser atendida a poboación na consulta”.
Críticas ao HADO
A Comisión Delegada tamén inclúe na nota unha crítica ao SERGAS polo servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO). “Tentou poñerse en marcha en 2011 e tamén recentemente (sempre coincidindo, 'casualmente', con período electoral. Sería un internista o responsable do devandito servizo, pero todo quedou en un simple anuncio electoral”, sinala o comunicado.
E subliña que a Comisión Delegada solicita “a reposición dos facultativos eliminados” de Medicina Interna e insta a que “se deixe de desmantelar o Hospital”.