martes. 23.04.2024
BNG. Parlamento. María Albert (FILEminimizer)
María Albert (de pé), hoxe no Parlamento galego. | FOTO: BNG.

O BNG urxiu hoxe á Xunta no Parlamento galego a actuar para garantir o cobro dos seus salarios ás e aos traballadores do servizo de seguridade dos hospitais públicos de Valdeorras e Verín


Nunha pregunta parlamentaria, que foi rexistrada hai 45 días, cando a empresa Mersant Seguridade debía unha mensualidade ao cadro de persoal de ámbolos dous centros hospitalarios, a deputada María Albert advertiu que, a día de hoxe, no que a pregunta do BNG chega a pleno parlamentario, “xa son tres as mensualidades debidas”, o que cualificou de “insustentábel para calquera familia traballadora nunha situación normal”, pero que co contexto de inflación e suba de prezos xeneralizada como a que estamos a vivir “vólvese dramática”.


Albert criticou ao Goberno do PP que en todo este tempo non fixera “nada” ao respecto, “desentendéndose do problema” e “dando largas ao persoal do servizo emprazándoo a que emprenda futuras reclamacións xudiciais” e advertiu ao conselleiro de Sanidade que “chove sobre mollado nesta problemática en Valdeorras e Verín”


Albert esixe á Xunta que asuma o importe debido e que se faga cargo directamente do servizo rematando coas contratacións a “empresas piratas”.


Albert recordou que o anterior contrato de seguridade xa tivo que ser xudicializado polos traballadores tras cinco meses sen cobrar “sen que a Xunta dese solucións” e que ditos procesos xudiciais remataron coa condena á empresa e ao Sergas, que foi declarado responsable subsidiario. 


“Estamos a falar de febreiro de 2021 e vostedes non comezaron a aboar o que mandaba a sentenza ata novembro: nove meses agardando a que vostedes pagasen!”, recriminou, para engadir a continuación que, ademais, o Servizo Galego de Saúde só abonou dous terzos do montante total da débeda e que “tivo que recibir un requirimento do xuíz para que pagasen o 100% da mesma que, por certo, aínda non recibiron os traballadores”.


Logo de recalcar que son 10 familias as afectadas “pola complicidade do Sergas con esta empresa pirata”, a deputada nacionalista asegurou que o mínimo que se lle pode pedir ao Servizo Galego de Saúde “é que contrate con empresas solventes que xestionen de xeito eficiente os servizos que se lles encargan” e que, polo contrario, “gasta recursos públicos en pagar a empresas amigas e en salarios que elas non abonan”.

NOTICIAS VERÍN | O BNG pide á Xunta que garanta os salarios aos traballadores de...