jueves. 18.04.2024
Traballadores do hospital concentrándose pola visita de Rubial a Verín.
Traballadores do hospital concentrándose pola visita de Rubial a Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Félix Rubial semella ter unha especial facilidade para crear conflictos no distrito sanitario de Verín. Coa lembranza do "Verín non se pecha" aínda latente -hoxe deixáronse ver algúns carteis que xa son historia da vila", medio cento de traballadores do hospital comarcal concentráronse este venres, cara a mediodía, na ala oeste do complexo hospitalario, xusto debaixo da biblioteca, onde se estaba a reunir o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, coa dirección do centro e os representantes da acción sindical do persoal. 

Do encontro transcendeu que o responsable do Sergas quere mudar un acordo alcanzado entre a dirección do hospital e a comisión delegada polo que, entre outras medidas, permitiaselle ao persoal de Verín fraccionar as vacacións anuais até en catro semanas e non considerar o mes de xuño dentro do calendario de descansos. 

Agora, por decisión unilateral da propia Xerencia de Área, Verín terá que adherirse ao resto de compañeiros -Ourense e o Barco-, onde o periodo mínimo de permiso por vacacións anuais retribuídas terá que ser de quince días e xuño entrará entre os meses nos que os traballadores terán que disfrutar, si ou si, do seu permiso.

A indignación entre os representantes sindicais no comisión delegada era máxima e unánime. Á saída da xuntanza esgrimían os seus argumentos: "Está claro que a este home vanlle os conflictos. Non entendemos como traballadores e dirección deste hospital alcanzaron un acordo fai dous anos, que se estaba respectando e que era do agrado de todos, e agora de xeito unilateral decide botalo abaixo", dicían. 

Os voceiros do traballadores ían máis alá: "O que tiña que facer este xerente é preocuparse polas verdadeiras carencias deste hospital, sobre todo en materia de profesionais. Dermatoloxía, Medicina Interna, Cardioloxía, Cirurxía ou HADO -hospitalización a domicilio- ou xa non existen ou os seus sanitarios traballan en condicións moi precarias por falta de profesionais. Lonxe de adicarse a resolver problemas, só se lle ocorre vir a crear outros", afirmaron. 
 

Rubial indigna aos traballadores do hospital rachando acordos pactados sobre vacacións...