Sábado. 02.07.2022
O presidente da Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Ourense valora a folga de sanitarios de onte

Fernando Rivas: “Están desmantelando o Hospital de Verín pola porta de atrás”

Rivas. Sanidade. CIG. centro de saúde de allariz (3)
Fernando Rivas, este xoves en Allariz. | FOTOS: Noelia Caseiro.

Fernando Rivas atende ao Diario do Támega en Allariz, onde traballa os martes e os xoves, un día despois da primeira xornada de folga do persoal sanitario do distrito de Ourense. Rivas é traballador social, é secretario comarcal da CIG de Ourense e presidente da Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Ourense. Os martes é xoves ten consulta no centro de saúde de Allariz; os luns, mércores e venres, en Xinzo.

Como valora a participación na folga de onte?
Non foi masiva. Non foi un éxito. Entre outras cousas, polos servizos mínimos que nos impuxo o SERGAS. Para que se faga unha idea: en Atención Primaria estaba de servizo o odontólogo, e tamén o hixienista dental. En teoría, os servizos mínimos son os servizos que hai nos centros de traballo un sábado ou un domingo. E a nivel hospitalario, os servizos mínimos foron enormes.

Pero como foi a participación? Obtiveron por fin datos oficiais, porque onte ao mediodía non os tiñan...
Oficialmente foi dun 3%. O dato é enganoso, porque meten no cómputo todo o persoal que tivo que traballar nos servizos mínimos. Aínda así, temos que recoñecer que esperabamos algo máis. Xa digo, a folga non saíu ben e estamos analizando as causas, pero mantemos as convocatorias do 20 e do 27.

Que conclusións tiraron?
Estamos nese proceso de avaliación. O certo é que non chegamos á xente como pretendiamos. Pode ser que unha das causas estea aí, nun problema de comunicación. 

Por que foi unha folga limitada ao distrito de Ourense?, non conseguiron coordinarse con Valdeorras e Verín, os outros distritos da Área?
En Valdeorras houbo unha concentración de apoio. En Verín, non. Sucede que en cada distrito hai problemáticas específicas. Tamén, porque se respecta o que deciden os órganos negociadores en cada distrito. No Barco hai xunta de persoal propia e en Verín hai unha comisión delegada. Os momentos da negociación son distintos... aínda que en Verín están pensando tamén en mobilizacións. 

O certo é que non chegamos á xente como pretendiamos. Pode ser que unha das causas [da baixa participación na folga] estea aí, nun problema de comunicación.

Que está a pasar en Verín?
Pois o que nos contan as compañeiras e compañeiros é que se está desmantelando pola porta de atrás, que se está a converter o hospital nun centro de consultas no que os dermatólogos non van, os cardiólogos teñen problemas, os reumatólogos tamén... O Hospital está morrendo lentamente porque non se están cubrindo as necesidades.

Cales son os problemas no distrito de Ourense?
As negociacións, en teoría, consisten en debater sobre documentos e chegar ou non chegar a acordos. No distrito, as negociación son chegar e dicir: ‘Isto é así. Non estades de acordo? Pois xa está’. En realidade o único que buscan é xustificar que houbo unha negociación, que nos sentamos. Pero iso non é unha negociación.

Quen negocia así? Felix Rubial, o xerente da Área?
El é o responsábel máximo do que se fai e como se fai. As negociacións fanse coas distintas direccións, como a dirección de Recursos Humanos ou a de Enfermaría... fundamentalmente esas dúas. 

O problema vén de cando se crearon estas estruturas, as EOXI [Estrutura de Xestión Integrada] que hoxe son as Áreas. Desde Servizos Centrais déuselle carta branca. Son como reinos de taifas. 

Iso sucede en todo o país, ou hai un talante distinto na xerencia en Ourense?
O problema vén de cando se crearon estas estruturas, as EOXI [Estrutura de Xestión Integrada] que hoxe son as Áreas. Desde Servizos Centrais déuselle carta branca ás direccións destas estruturas. Son como reinos de taifas. Quedamos supeditados ao talante das persoas que están á fronte. Mesmo hai contradicións no que se decide en distintas áreas, por exemplo na política de contratación. Pero o SERGAS non fai nada.

Ese é un problema en Ourense. Hai máis?
Noutras Áreas, o documento que regula as vacacións contempla todas as casuísticas. É moi completo. Aquí, non. Ás veces é un problema ter moita literatura nestes documentos. A nós sucédenos o contrario. Ten pouca precisión, así que son os responsábeis de cada departamento os que interpretan, e deciden e en ocasións hai discriminacións. E hai máis problemas...

Falta persoal, hai prolongación de xornadas... eses están ao orde do día en cada protesta, non?
Un facultativo non pode ter de mañá 55 pacientes, nin unha enfermeira 30 ou 35... cada atención require o seu tempo. O gran problema está nos médicos de familia. E vai ser un problema nos próximos anos en canto se empecen a xubilar médicos e médicas. Non hai profesionais. E tampouco se incentiva que fiquen nesta Área, onde se forman. Quedan un 15%, un 20%... e a maioría son ourensáns. Pero marchan a outras áreas ou fóra. 

Rivas. Sanidade. CIG. centro de saúde de allariz (1)
Rivas é traballador social nos centros de saúde de Allariz e Xinzo.

Por que marchan?
Polas condicións, por non saber onde vas a estar nin cando... Por non poder vivir sen o teléfono na man. A propia dinámica da Área Sanitaria expulsa profesionais. Pasa tamén en enfermaría, que é o caso máis notábel. 

Que sucede aí?
Nas listas de contratación da Área de Ourense hai case 1.100 enfermeiras e enfermeiros. E hai en suspensión; é dicir, non queren que as chamen nin os chamen un 45%... Case a metade. Por que? Dise que prefiren os servizos sociosanitarios, pero é que hai os salarios son inferiores aos do SERGAS. Porén, prefiren traballar aí. O problema do SERGAS é que tes un contrato mais non sabes nin cando nin onde nin canto vas traballar. Non podes facer a túa vida persoal durante meses porque non podes planificar minimamente o teu día a día.

O máis urxente é poñerlle solución á falta de persoal.

Hai unidade na Xunta de persoal manter a unidade para continuar a folga?
Nestas cuestións estamos todos de acordo. Podemos diferir nas solucións, pero aínda que custa, a unidade mantense e haberá folga de novo o 20 e o 27. Non é ningún drama que unha folga saia mal. 

Entre as solucións, cal é a máis urxente entre as consensuada?
O máis urxente é poñerlle solución á falta de persoal.

Fernando Rivas: “Están desmantelando o Hospital de Verín pola porta de atrás”
comentarios