O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense advertiu este mércores da falta de medidas preventivas fronte aos incendios forestais de cara ao próximo verán. Nunha rolda de prensa celebrada na institución provincial, o voceiro socialista e secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila Araújo, asegurou que a provincia continúa nunha situación de elevada vulnerabilidade ante os lumes.
Vila compareceu acompañado das deputadas e deputados Eva Pérez Gamote, Emilio Luís Díaz e Diego Fernández Nogueira, e lembrou que en agosto de 2025 os incendios arrasaron case 170.000 hectáreas na provincia. Segundo sinalou, a día de hoxe non se adoptaron medidas estruturais que permitan afrontar a campaña forestal de 2026 en mellores condicións.
O pasado venres tivo lugar unha reunión entre alcaldes da provincia, o delegado territorial da Xunta, técnicos de Medio Rural e representantes de Seaga. Para o portavoz socialista, o encontro confirmou que o modelo de xestión dos incendios continúa sendo o mesmo. “A administración autonómica segue derivando cara aos concellos responsabilidades que lle corresponden en materia de prevención e xestión do territorio”, afirmou, lembrando que a maioría dos municipios non contan con medios suficientes para asumir estas tarefas.
Vila tamén fixo referencia ao anuncio realizado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o 9 de setembro de 2025 no Parlamento de Galicia, cando comprometeu que o Goberno galego asumiría directamente a limpeza das franxas secundarias de seguridade —os 50 metros arredor das vivendas— nos municipios de menos de 10.000 habitantes, que representan o 82 % dos concellos galegos. Seis meses despois, segundo denuncian os socialistas, ese compromiso segue sen materializarse.
Mentres tanto, a Xunta mantén a posibilidade de reter ata un 30 % dos fondos de cooperación local aos concellos que non acrediten o cumprimento das obrigas de limpeza e vixilancia das franxas, obrigándoos a asumir competencias que, segundo o PSdeG, non lles corresponden.
Os socialistas tamén alertaron da paralización da nova lei de incendios forestais, negociada co Partido Socialista hai máis de tres anos, e da ausencia do Plan Director da Industria Forestal, que consideran clave para mellorar a ordenación do monte e favorecer o aproveitamento económico dos recursos forestais.
A situación, segundo explicaron, complícase polas condicións meteorolóxicas actuais. Un inverno e unha primavera especialmente húmidos están a provocar unha importante acumulación de biomasa nos montes que, se se repiten as altas temperaturas e o vento do verán pasado, poderían derivar nun escenario de alto risco.
Dende o Grupo Provincial Socialista reclaman un cambio de modelo baseado na prevención estrutural, na ordenación do territorio, na profesionalización dos servizos e na coordinación entre administracións. Vila pediu que a Xunta asuma con persoal propio as competencias de prevención e ordenación forestal nos 313 concellos galegos, que se aprobe canto antes a nova lei de incendios e que se presente o Plan Director da Industria Forestal.
“Fállanos a prevención estrutural, fállanos a planificación a medio e longo prazo e fállanos un marco legal integral á altura do problema. Non podemos seguir facendo o mesmo e esperar resultados diferentes”, concluíu.
