sábado. 05.10.2024
Hospital Público de Verín.
Hospital Público de Verín.

A situación de Pediatría na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras chegou ó Parlamento de Galicia a través do grupo do PSdeG, dada a súa saturación pola falta de profesionais, que se agudiza nos comarcais. Os socialistas critican a “desidia” do Goberno da Xunta na sanidade pública ourensá, con recortes en todos os servizos que se prestan ós usuarios.

Dende o PSdeG denuncian que a redución de recursos humanos e de especialidades nos hospitais comarcais está a repercutir no Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO). Alí a sobrecarga vese “agraviada pola escaseza de profesionais para facer fronte á mesma, na provincia máis envellecida de Galicia”, sinalan.

A situación está ao límite no servizo de Pediatría do CHUO, onde os seus pediatras puxeron en coñecemento da Valedora do Pobo que se están a “vulnerar os dereitos asistenciais dos menores de 14 anos, que se están a producir na actualidade na provincia de Ourense pola falta de previsión e mala organización da xerencia deste centro”, din os socialistas. Esta situación considérana dende o PSOE "inadmisible", xa que se "está a poñer en perigo a saúde dos menores da provincia".

Os socialistas fanse eco de que dende o mes de febreiro no CHUO houbo unha xubilación e cinco baixas de longa duración, “das cales a mayoría foron previsibles”. Non se cubriron os postos con residentes que finalizaron a súa especialización e dende o PSdeG acusan directamente á xerencia de non facelo, “a pesar da grave falta de recursos humanos”. Ante isto, non só se sobrecargou ós profesionais, senón que tamén “se diminuiron as consultas”.

A situación é inadmisible porque se está a poñer en perigo a saúde dos menores da provincia

En Verín e Valdeorras esta situación non é unha novidade e dende fai tempo se reclaman máis recursos. Os socialistas destacan o caso de Valdeorras, no que tralo cese dun facultativo “só queda un único pediatra”. Ademais, tamén destacan que "a xerencia admite que renuncian á atención a prematuros menores de 30 semanas" e terán que ser derivados a Vigo, algo que xa se comunicou no Hospital de Verín.

Ante esta situación, o Grupo Parlamentario Socialista presentou a proposición non de lei  "O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, que de inmediato solucione a falta de medios nos servizos de pediatría do CHUO, do Hospital comarcal de Verín e de Valdeorras, para dar cobertura a todos os menores que o precisen, así como nas subespecialidades, e atención de prematuros".

NOTICIAS VERÍN | O PSdeG esixe solucións para a falta de pediatras no Hospital de Verín