viernes. 26.04.2024
O profesor Antonio Rial (dereita) acompañado polo orientador do IES García Barbón, Daniel Veiga, na súa conferencia desta mañá. | FOTO: M. D.
O profesor Antonio Rial (dereita) acompañado polo orientador do IES García Barbón, Daniel Veiga, na súa conferencia desta mañá. | FOTO: M. D.

Arredor dun cento de alumnos do IES García Barbón de Verín asistiron hoxe á celebración da segunda sesión das Xornadas de Emprendemento e Orientación, promovidas polo centro e destinadas ao alumnado de cara ao seu futuro profesional. A mañá comezaba coa estrea, de xeito oficial no Auditorio municipal, por parte da directora do centro, Marisol Gómez, do tenente de alcalde, Diego Lourenzo e da xefa territorial de Cultura, Educación e Universidade en Ourense, Judith Fernández.

Tras unha mesa redonda na que participaron diferentes orientadores laborais, os rapaces recibiron a visita de Antonio Rial, profesor Ad Honorem da Universidade de Santiago de Compostela e, durante case dúas décadas, tamén de Formación Profesional. Disciplina da que, precisamente, versaría a súa posterior conferencia na que estaría acompañado do orientador do García Barbón, Daniel Veiga

"Nacemos para traballar", iniciaba o profesor, "e esa cuestión vainos condicionar toda a vida", ante o sorriso tímido dos rapaces. "O ser humano é activo por natureza e agora temos a sorte de poder elixir en que traballar. Din que se eliximos facer o que nos gusta, non imos cansar de facelo nunca", engadiu. "Mirádeme a min, os anos pasaron pero a miña alma quedou na FP".

Elixide un traballo que vos guste. Mirádeme a min, os anos pasaron pero a miña alma quedou na Formación Profesional (Antonio Rial)

Trala reflexión, comezou resaltando a calidade educativa dos ciclos formativos e a súa gran porcentaxe de inserción laboral na actualidade. "Hoxe en día é o mellor subsistema educativo que hai en España, cunha evolución grandísima ligada ás esixencias de traballo. Ademais, cada día hai máis oferta e é un futuro moi próspero tanto traballando por conta allea como por conta propia, deixando lonxe xa esa idea de que a FP é un estudo de segunda división. É de primeira, de primeirísima división", explicaba. 

Continuou contextualizando a historia da Formación Profesional e dos seus cambios no transcurso dos anos. "Comezamos a falar da FP sobre o ano 1924 pero a verdadeira revolución chegou arredor dos 60, cando nos repuxemos das consecuencias da Guerra Civil e comezou a haber empresas que precisaban persoal cualificado". Era a primeira vez que pronunciaba a palabra cualificación, que despois repetiría ao longo do seu discurso como un pilar imprescindible.

"A cualificación é fundamental, cando rematedes estes estudos o que ides vender ás empresas -se traballades por conta allea- ou aos clientes -se emprendedes- é cualificación", dicía cara os rapaces. "Este aspecto tamén é de por vida, a formación nunca remata, hai que ir actualizándoa porque a evolución é constante. Antes era fácil encontrar un traballo se estudabas. Agora tamén, se se conserva e mantén esa formación", engadía.

Antes era fácil atopar un traballo se estudabas. Agora tamén, sempre e cando se conserve, manteña e incremente a formación. A caducidade das aprendizaxes é cada vez máis inmediata e hai que coidala e darlle de comer permanentemente (Antonio Rial)

Destacaba neste punto a formación dual dos ciclos de FP nos que se combinan teoría e práctica. "Todo ten que ir en equilibrio. Moitas veces dinnos nos traballos que todo é cuestión de práctica. Non existe hoxe en día unha práctica que non estea respaldada por unha boa teoría e viceversa", matiza. Parte desa aprendizaxe é a formación en alternancia, ou o que é o mesmo, as prácticas en empresas coas que os alumnos teñen o seu primeiro contacto co mundo profesional. "Sempre que teñades unha oportunidade, aínda que sexa pequena, de meter a man nalgunha empresa, facédeo. É clave", aconsellaba o profesor.

Pero a inserción laboral exitosa dos mozos xa non depende só do seu nivel de formación senón tamén do seu nivel de competencia persoal e profesional. "Isto supón que o traballador saiba facer todas as fases do seu traballo, estea implicado e, sobre todo, sexa boa persoa. Ser boa persoa é o inicio de todo", resaltaba o profesor.

Remataba a súa intervención lanzando unha pregunta aos asistentes. "Por que elixistes facer un FP?", ao que unha delas respondía. "Eu, que xa non teño 20 anos, creo que é a opción máis rápida e con mellor preparación para traballar. Eu o que quero é iso, traballar". Rial asentía mentres os animaba a seguir apostando polo local. "En Verín hai moitas potencias que explotar coa vosa formación. Moitos ámbitos importantes onde hai industrias de augas, granxas... E onde hai moitas posibilidades, quizáis ocultas, pero hai, para fomentar o autoemprego. Só hai que buscalas", sentenciaba.

 

NOTICIAS VERÍN | O profesor da USC, Antonio Rial: "A Formación Profesional é un estudo...