mércores 26.02.2020
Aurora Sola, da Plataforma en Defensa da Sanidade, demanda o cese inmediato de Rubial "por ser incapaz de contratar pediatras para Verín"

Rosa Eva Fernández: "Ata que non vexa aos dous pediatras polos pasillos do hospital, non nos moverán"

Aurora Sola (agachada) e Rosa Eva Fernández, á súa dereita dentro do marco, festexando a chegada do 2020 no peche do hospital. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Aurora Sola (agachada) e Rosa Eva Fernández, á súa dereita dentro do marco, festexando a chegada do 2020 no peche do hospital. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Rosa Eva Fernández é a presidente da Comisión delegada de persoal do hospital comarcal de Verín. Nada máis coñecerse o anuncio do Sergas da contratación de dous pediatras, celebrou a nova pero quixo manter a prudencia: "Festexamos o anuncio, como non pode ser doutro xeito, pero o peche non se levantará ata que non se lle anuncie a todas as embarazadas de Verín que non teñen que ir a parir a Ourense e a todas as nais que os seus nenos contarán cun servizo de Urxencias Pediátricas. Ata que non vexa aos dous pediatras polos pasillos do hospital, non nos moverán do peche", dixo.

O peche non se levantará ata que non se lle anuncie a todas as embarazadas de Verín que non teñen que ir a parir a Ourense e a todas as nais que os seus nenos contarán cun servizo de Urxencias Pediátricas (Rosa Eva Fernández)

Na mesma liña se pronunciou a portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da comarca de Monterrei, Aurora Sola: "É unha grande satisfacción para nós, por termos conseguido que se reabra o paridoiro e as urxencias pediátricas, que nunca se deberon pechar. E quero salientar especialmente o compromiso da veciñanza da comarca, que secundou o peche día e noite. A todos eles lles quero dicir que non teñan ningunha dúbida de que esta Plataforma seguirá defendendo os seus intereses e reclamando aqueles servizos, coma Dermatoloxía, que se perderon", di Sola.

Rubial é o responsable do peche. Aduciu falta de seguridade nos partos e pérdida da pericia dos profesionais do hospital, cando o problema o tiña el por ser incapaz de contratar pediatras para Verín. Non pode seguir un minuto máis ao fronte da Xerencia da Área de Ourense, Verín e o Barco

Non se esquece a voceira de reclamar o cese inmediatro de Félix Rubial: "É o responsable do peche. Aduciu falta de seguridade nos partos e pérdida da pericia dos profesionais do hospital, cando o problema o tiña el por ser incapaz de contratar pediatras para Verín. Non pode seguir un minuto máis ao fronte da Xerencia da Área de Ourense, Verín e o Barco".
 

Rosa Eva Fernández: "Ata que non vexa aos dous pediatras polos pasillos do hospital,...
comentarios