domingo 20/09/20
Hai comerciantes que rebaixan incluso a porcentaxe, situándoa nun tercio da do pasado 2019

A feira deste 3 de agosto perde máis da metade do público de edicións anteriores

Un tercio dos asistentes tal día coma esta primeira xornada de feira de Verín do mesmo mes anos atrás. Incluso hai quen sitúa tan reducida cifra nun cuarto do público dunha convocatoria similar. É o balance que fan os comerciantes que se achegaron ata a vila na que, sen crise sanitaria, este mercado estaba chamado a ser un dos mellores do ano.

Ás doce do mediodía deste 3 de agosto de 2020, o da imaxe era o aspecto da praza nun día de feira en Verín. | FOTO: Noelia Caseiro.
Ás doce do mediodía deste 3 de agosto de 2020, o da imaxe era o aspecto da praza nun día de feira en Verín. | FOTO: Noelia Caseiro.

A alerta sanitaria está a pasarlle unha importante factura a un dos sectores económicos históricos da Galicia interior: os feirantes. A aparición de gromos moi cerca da capitalidade de Verín -en Laza- e a suspensión de convocatorias similares á deste luns 3 de agosto en Maceda ou Vilar de Barrio, non só inoculou o medo nos habituais clientes, senón tamén nos propios comerciantes. Segundo confirmaron axentes da Policía Local de Verín, "moitos dos postos que cumpren con todos os requisitos para se establecer nos días de feira, optaron por non acudir á deste luns", sinalan as fontes policiais, quizás sabedores de que o desprazamento ata a vila verinense non sería o suficientemente rendible como para facer ese esforzo. 
Un simple paseo polas principais rúas nas que se establecen os diferentes postos non deixaba, esta mañá de luns, moita dúbida. O que o pasado ano era unha ocupación total do espazo dispoñible, a deste 3 de agosto non era tal. Si que se notaba a chegada daqueles que xa desfrutan das súas vacacións dende os primeiros días de agosto pero, como así certificaba a maioría dos responsables dos postos, "faltan os clientes habituais, os de todo o ano, que levan semanas vindo a contagotas", di un deles. 
Ademáis da pouca afluencia de público, había outro denominador común á xornada matutina deste luns: a cifra de negocio. Un dos consultados facía unha sinxela pero ilustrativa apreciación: "Fíxate nas bolsas que levan e en cantas levan", lamentaba. 

Entre os mercados que xa se están suspendendo polos rebrotes, os que non se celebran como o do caso alaricano, o confinamento e o medo que teñen os clientes habituais a volver ás rúas, estamos condenados á desaparición (Celestino Fernández, de Saultamar)

Celestino Fernández, con 28 anos ás costas colocando o seu posto de bacallau, é o primeiro en situar nun tercio a asistencia de público: "Creo que incluso non me equivocaría se falo de que podemos estar a falar dun 25 por cento da afluencia que podería ter unha feira, tal día coma hoxe, anos atrás. Á falta dos clientes habituais, porque a maioría dos que hoxe nos visitaron foron emigrantes, engadímoslle o pouco volume de negocio", sinala. Este vendedor ambulante confirma que o sector dos feirantes está a ser un dos máis castigados pola crise sanitaria e por algunhas outras decisións "que non entendemos, coma o caso de Allariz, de suprimir as tradicionais feiras do día 1 e do día 15. Entre os mercados que xa se están suspendendo polos rebrotes, os que non se celebran como o do caso alaricano, o confinamento e o medo que teñen os clientes habituais a volver ás rúas, estamos condenados á desaparición", di este vendedor. 

WhatsApp Image 2020-08-03 at 23.50.08 (2)Celestino Fernández leva 28 anos instalando o seu posto de Saultamar no mercado verinense. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

Se non morremos do bicho, imos morrer de fame (Amelia Salgueiro, vendedora de polos asados)

Amelia Salgueiro é tamén outra das habituais. Ten fixada a súa residencia no veciño Lamadarcos, en Portugal, pero coñece perfectamente a xeografía ourensá. Confirma, punto por punto, o discurso do vendedor de bacallau: "Nin un cuarto da xente que habería calquer outro ano este día. Mira, son as 12:30 horas e non teño ninguén na cola, cando outro día coma este tería a dez ou doce esperando por un polo asado", lamenta, vaticinando que "se non morremos do bicho, imos morrer de fame".

Amelia SalgueiroAmelia Salgueiro, unha das habituais cos seus polos asados nas feiras de Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

Amador Álvarez é un dos industriais hostaleiros da praza García Barbón e é un dos máis acreditados barómetros de cada feira que se celebra: "A de hoxe? Se che digo que non pasamos dun cuarto da xente que debería haber por esta época, cresme? Tal día coma hoxe hai un ano os locales a esta hora -polo mediodía- estarían cheos e ca xente agardando por unha mesa... Mira agora -xírase sinalando a un par de mesas que aínda ten baleiras-. Pregúntalle ás pulpeiras canto polbo lle sobrou hoxe?", inquire este hostaleiro. 

WhatsApp Image 2020-08-03 at 23.50.08Amador Álvarez, da Vinoteca Gandainas, na praza García Barbón. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

Tráfico lento a media mañá


Malia todo, a vila experimentou hoxe un notable incremento no movemento de persoas e automóbiles polas súas rúas, froito da chegada dos emigrantes e de coincidir esta primeira feira de agosto co primeiro día hábil do mes. A principal vía que atravesa a vila, Luis Espada e Avenida de Castela, chegou a rexistrar algunha que outra retención nas horas centrais da mañá, e os estacionamentos disuasorios máis próximos ao centro neurálxico estaban ao 100 por cen de ocupación ata ben superado o mediodía. 

Si se comprobou que a obligatoriedade da máscara pola rúa estaba sendo secundada pola práctica totalidade dos transeúntes, e só nalgúns momentos -polo escaso espazo dispoñible cando coincidían dous postos enfrontados- perigaba a distancia mínima esixible pola norma nesta "nova normalidade", solución que Celestino Fernández, un dos interlocutores preguntado por Diario do Támega, facilitaba aos responsables da organización: "Deberían de facer coma se está facendo no Barco de Valdeorras. Alí, para respectar de xeito escrupuloso a distancia de seguridade, ampliaron as rúas dispoñibles e só hai postos de feira nunha das beirarrúas. Colocaron vallas protectoras para que a xente circule nun sentido se é que querer mercar e aproximarse aos postos, e outras para aqueles que veñen no contrario, mantendo en todo caso a distancia entre os grupos. Con vontade sempre se poden buscar solucións, se é que a un concello lle interesa manter este tipo de mercados", conclúe Celestino Fernández. 

A feira deste 3 de agosto perde máis da metade do público de edicións anteriores
comentarios