luns 12/04/21
Este é un punto de actividade moi importante xa que permanece aberto as 24 horas do día todos os días da semana

No paso fronteirizo Verín-Vila Verde da Raia supervisáronse 73.171 persoas e 51.274 vehículos segundo os controis feitos entre o 31 de xaneiro e o 23 de marzo

Paso Fronteirizo Verín
Emilio González cos efectivos no paso fronteirizo de Verín.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, acudiu esta mañá ós pasos fronteirizos de Verín - Vila Verde da Raia e de Manzalvos - Moimenta para supervisar o protocolo de control na fronteira con Portugal que están levando a cabo os efectivos da Policía Nacional.  

González tamén se desprazou este luns ata os postos de control de Baltar-Montealegre e de A Madalena-Ponte da Barca. 

O subdelegado do Goberno estivo acompañado polo comisario xefe provincial do Corpo Nacional de Policía de Ourense, Juan Carlos Blázquez, e polo comisario xefe provincial de Operacións, Eduardo Gutiérrez. Nestas visitas avaliaron as medidas instauradas tras restablecer temporalmente os controis na fronteira interior entre España e Portugal, algo que acordaron de maneira coordinada ambos países, dende o pasado 31 de xaneiro e que se manterá ata as 00:59 horas do próximo 6 de abril, coa finalidade de facer fronte á crise sanitaria que ocasionou a COVID-19.

Emilio González comunicou que nos dispositivos de vixilancia que se levaron a cabo entre o 31 de xaneiro e o 23 de marzo nos catro pasos fronteirizos que están abertos na provincia de Ourense, controláronse un total de 76.331 persoas e 53.534 vehículos. Denegóuselle a entrada a 1.307 viaxeiros por non acreditar o motivo do desprazamento, o que supón un 1.7% do total de persoas identificadas. O subdelegado destacou que "durante todo este período os desprazamentos con causa xustificada nos postos fronteirizos supuxeron a tónica xeral".

González sinalou tamén que "no paso fronteirizo de Verín-Vila Verde da Raia, que permanece aberto as 24 horas do día durante toda a semana, controláronse 73.171 persoas e 51.274 vehículos, o que indica a importante actividade deste punto". 

Datos detallados dos controis establecidos nos outros tres pasos fronteirizos 

  • Baltar-Montealegre: dende a súa apertura o pasado 15 de febreiro, controláronse neste punto 1.069 vehículos e 1.475 persoas.
  • A Madalena-Ponte da Barca: neste posto fronteirizo, que abriu o pasado 2 de marzo, controláronse 913 vehículos e 1.315 persoas. 
  • Manzalvos-Moimenta: neste paso controláronse, dende o pasado 2 de marzo, 278 vehículos e 370 persoas. 

Paso Fronteirizo ManzalvosVisita do subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, ó paso fronteirizo de Manzalvos.

Estes postos mantéñense abertos de luns a venres de 07:00 a 10:00 e de 18:00 a 21:00, e segundo sinalou o subdelegado do Goberno "trátase fundamentalmente de desprazamentos de proximidade e de traballadores transfronteirirzos". 

Á súa vez, Emilio González quixo agradecer persoalmente "o desempeño e a dedicación que están demostrando os funcionarios encargados do control fronteirizo nos postos habilitados". O subdelegado tamén aproveitou para expresar o seu desexo de que "esta situación excepcional de control de fronteiras dure o menor tempo posible, posto que será indicativo de que a emerxencia sanitaria volve estar baixo control".

No paso fronteirizo Verín-Vila Verde da Raia supervisáronse 73.171 persoas e 51.274...
comentarios