domingo 20.10.2019
estará presente nunha das primeiras grandes exposicións que se organizan co gallo do Xacobeo do ano 21

A Xunta exhibirá no Gaiás á estrela do Museo Comarcal de Monterrei, o Dionisios e Ampelos de Verín

Dionisos e Ampelos de Verín será exhibido na Cidade da Cultura de Galicia na gran exposición previa ao Xacobeo 2021, compartindo protagonismo con pezas do Vaticano e a Universidade de Cambrigde, entre outras. O Concello autorizou o traslado da réplica a Santiago para participar na mostra “Galicia, un relato no mundo”.

 

Unha impresión en tres dimensións recreou a peza orixinal de Dionisios e Ampelos.
Unha impresión en tres dimensións recreou a peza orixinal de Dionisios e Ampelos.

“Galicia, un relato no mundo”, a macroexposición que albergará o Museo do Centro Gaiás, na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, vén de obter a autorización do Concello de Verín para trasladar ás súas instalacións o conxunto escultórico de Dionisos e Ampelos que se exhibe no Museo do Claustro Mercedario de Verín. A peza servirá para contextualizar a relación do mundo galaico coa cultura romana nas primeiras etapas da nosa era.

A réplica do deus do viño, o teatro e a morte -Dionisos-, abrazado polo seu amigo o sátiro Ampelos, serviu de eixe para a primeira exposición do Museo do Claustro Mercedario adicada en 2017 á presenza temperá do viño na comarca de Monterrei. Daquela, no contexto da mostra “Dionisos, 2.000 anos de viño en Monterrei”, a imposibilidade de contar coa peza orixinal motivou a súa impresión en 3D, para crear unha réplica exacta da orixinal, máis unha nova peza coa idealización informática do conxunto sen os estragos do paso do tempo.

A PRIMEIRA GRANDE EXPOSICIÓN PREVIA AO XACOBEO

“Galicia, un relato no mundo” é unha exposición da Xunta de Galicia e da Fundación Cidade da Cultura que explora a interacción entre o territorio galego e o resto do mundo nun percorrido que nos leva dende a prehistoria ata a actualidade.

Concibida como a primeira das tres grandes exposicións da Xunta con motivo do Xacobeo 2021, centrarase nas relacións internacionais de Galicia e a súa presenza no mundo. A mostra estará aberta na Cidade da Cultura dende o 14 de novembro de 2019 ata o 12 de abril de 2020, e no marco desta exposición chegarán por primeira vez a Galicia destacadas pezas de alto valor simbólico para a historia e a cultura do noso país e que se atopan en prestixiosas coleccións museísticas de distintos recunchos do mundo.

O público galego terá así a oportunidade única de contemplar, nunha mesma mostra, obras de institucións de referencia como a Cambridge University-Parker Library, a Biblioteca Apostólica Vaticana ou o Museu Internacional de Arqueología de Portugal.

A mostra ofertará a oportunidade de visitar, xunto co Dionisos e Ampelos de Verín, obras como dous Códices Calixtinos do Vaticano e a Universidade de Salamanca, ou o Libro das Invasións, relato irlandés que menciona por primeira vez ao Breogán do Hino Galego.

A Xunta exhibirá no Gaiás á estrela do Museo Comarcal de Monterrei, o Dionisios e...
comentarios