viernes. 26.04.2024
Libro parroquial de Ábedes, onde se recolle a morte de Agustín Baamonde (esquerda).
Libro parroquial de Ábedes, onde se recolle a morte de Agustín Baamonde (esquerda).

Un veciño de Ourense, Andrés Cid Blanco, vén de poñerse en contacto con Diario do Támega tras ler a nosa noticia sobre os proxectos contemplados no Plan Director do Pozo do Demo para executar seis rutas temáticas, unha delas sobre os dramáticos acontecementos bélicos ocorridos na comarca de Monterrei o 6 de marzo de 1809. O tataravó da súa avoa (seis xeneracións cara atrás), chamado Agustín Baamonde, morreu asesinado na Fraga do Pendón, localización que o descendente non sabía ubicar e que albergará un punto de interpretación.

A Fraga do Pendón é o punto onde as tropas e os paisanos de Verín ubicaron as súas bandeiras, así como tiradores e a dirección militar da defensa. Desde Infesta entraron no Val de Monterrei preto de 18.000 soldados franceses da élite das tropas de Napoleón en Europa: o 1º de Húsares (especialistas en cargas a cabalo degolando cos seus longos sables), o 22 de Cazadores Hannoverianos e o 8º de Dragóns, todas elas tropas cun arraigado culto á morte na súa formación militar.

"En siete de Marzo de mil ochocientos y nuebe fallecio Agustin Bamonde con la casualidad del ataque que han tenido los Franceses con los Españoles en Termino de esta feligresia, y sitio de la fraga llamada del Pendon, a cuio cadaver se le dio sepultura eclesiastica en el cuerpo de esta Yglesia de Santa Maria de Avedes el diez de dicho Mes y año; no recivio los Santos Sacramentos ni hizo Testamento con motibo de la persecucion de los Enemigos".
 

A Fraga do Pendón.
A Fraga do Pendón.

Así reza a inscrición no libro parroquial de Ábedes, que Andrés Cid recolleu hai cinco anos, ao elaborar un árbol xenealóxico, e que lle intrigara por non coñecer a que podía referirse "a Fraga do Pendón". Posto en contacto con Diario do Támega, referímolo ao Plan Director do Pozo do Demo e a identificación do lugar que será o central da Ruta de 1809 e que acollerá un punto de interpretación ao efecto.

"É o primeiro froito deste gran proxecto", afirmou o alcalde, Gerardo Seoane, "que comeza a dar os seus froitos -recuperar a memoria da nosa historia- antes incluso de materializarse”, comentou o rexedor ao coñecer a aparición destes documentos e sobre o interese dun descendente directo daqueles protagonistas.

E é que xunto a Agustín Baamonde, asesinado no Pozo do Demo aquel 7 de marzo de hai 213 anos, o libro de parroquia de Ábedes tamén recolle a outras dúas vítimas: un franciscano do convento desta orde en Monterrei, do que non consta o nome ao telo desvalixado os franceses -só se sabe del que era colexial de filosofía e morador do convento de San Francisco de la villa de Monterrei, natural de Ribera de Órbigo (Astorga)- e outro veciño: Francisco Xabier Delgado, viúvo, e tamén veciño do Val.

Por que en Verín?

Pero… Por que houbo tan grande batalla en Verín? Segundo recolle o documento do Plan Director do Pozo do Demo, a resposta é doble: a primeira é que o xeneral De La Romana tiña establecido o seu cuartel xeral en Lama de Arcos, localidade relativamente cercana a Verín e Vilardevós.

A segunda está recollida no libro de Manuel Osuna Rey "Los franceses en Galicia. Historia Militar de la guerra de independencia en Galicia", de 2006, cando afirma que "o día 4 de marzo inician os seus movementos cara Portugal as divisións de Soult, en cumplimento das ordes de Napoleón", coñecedor o mariscal que "se baixaba a Portugal seguindo o val da Limia, deixaba á súa espalda ao exército de La Romana, quen quedaría así dono de toda a provincia ourensá", polo que decidiu "encamiñar directamente a o seu exército sobre o español, cara Monterrei, para posteriormente entrar en territorio luso por Chaves".

 

Mentres no seu avance os 18.000 soldados de Soult cometían verdadeiras carnicerías en Allariz, e sobre todo en Xinzo de Limia, o mesmo 4 de marzo o mariscal tentou parlamentar con De La Romana. Os veciños de Infesta, un dos primeiros pobos de Monterrei baixo as alturas das Estivadas, viron como uns xinetes baixo bandeira branca pedían parlamentar. Foron conducidos ao cuartel xeral de Lama de Arcos, onde lle ofreceron "recompensas e condecoracións se recoñecían ao rei Xosé Bonaparte".


 

Resposta a canonazos

O xeneral De La Romana contestoulle que tales propostas non merecían "outra resposta que a canonazos". E así foi… Ao tempo que o mariscal Soult estaba aínda en Allariz, a cabalería do xeneral Franceschi actuaba adiantada en misión de recoñecemento, e as tropas do xeneral Lorge polo flanco dereito avanzaban desde Xinzo á Xironda. As do xeneral Lahoussaye coa 4ª división de dragóns adentrábase en Laza. Os 800 feridos franceses que se recuperaban en Ourense foron enviados a Monterrei.

O xeneral Franceschi, das tropas invasoras.
O xeneral Franceschi, das tropas invasoras, comandou o ataque aquel 6 de marzo de 1809. 

 

A cabalería do xeneral Franceschi entrou o 6 de marzo de 1809 en Verín. Inmediatamente o xeneral napoleónico "forzou aos españois a poñerse en batalla sobre as alturas de Ábedes", ao noreste do entorno do Pozo do Demo, "tras un desfiladeiro á saída do pobo (que hoxe cruza a Autovía A-52)".

O axudante do xeneral Franceschi, o comisario Lenoble, deixou escrito que "Franceschi fixo atacar de fronte ao batallón 15º lixeiro do maior Doulong, mentres que fixo pasar á dereita unha forte columna de cabalería". "O 22º de cazadores asaltou a primeira liña enemiga -os españois- e despois o 8º de dragóns, guindando aos españois sobre o 1º de húsares e os cazadores hannoverianos, e sucedeuse unha carnicería", din as propias crónicas francesas, "con 1.200 españois que quedaron sobre o campo de batalla, tomándose 400 prisioneiros e as tres bandeiras de (as unidades) Ourense, Tui e Aragón”.

Un daqueles mortos foi Agustín Baamonde, que hoxe, 213 anos despois, volta a memoria grazas  á recuperación de todos estes acontecementos.

Diario do Támega localiza a un descendente dunha das vítimas da invasión francesa de...