domingo 09/08/20

Último trámite para converter o Conservatorio de Verín en profesional

A implantación do Grao Profesional será paulatina, respondendo ao criterio de curso por ano dende setembro de 2020. No pleno tamén se aprobou a achega do Concello de Verín ao Festival Internacional de Curtas da vila

No pleno municipal deste mércores, 22 de xullo, aprobáronse por unanimidade as modificacións sobre a ordenanza fiscal que regula as taxas do Conservatorio. Entre os cambios propostos, amplíanse as ensinanzas oficiais actuais de clarinete, guitarra, piano, saxofón, trompeta e violín; e a oferta educativa incluirá o conxunto formado polas familias instrumentais de corda frotada, corda pulsada, corda percutida, percusión, vento madeira, vento metal e canto. 

Sobre as taxas, engadiuse que a apertura de expediente rondará os 22 € pero estará condicionada polos prezos públicos fixados externamente. A validación de disciplinas oscilará entre os 6 e os 7,20 € e a proba de acceso ao Grao Profesional, de carácter obrigatorio para todos os alumnos que decidan cursar estudos profesionais, entre 34 e 40,08 €. A disciplina ou especialidade en cuestión afecta aos prezos destas taxas.

Por outra parte, nos cambios inclúese que a interrupción na prestación do servizo educativo por causas externas aos alumnos, implica a devolución do importe das cotas mensuais xa abonadas pola nai, pai ou tutor legal. Nesta liña, as axudas económicas son modificadas tamén na ordenanza: en primeiro lugar, faise unha diferenza entre a familia numerosa de categoría xeral (que continúa a recibir un 20%) e familia numerosa de categoría especial (que pasa a recibir dun 20% a un 35% de bonificación). A axuda económica que perciben aqueles alumnos con membros da familia xa matriculados era do 35% para todos os casos: agora, as bonificacións son do 25% se son dous membros os xa matriculados e do 35% se son tres. Por último, inclúense nesta modificación á ordenanza, os núcleos familiares que se atopen en circunstancias económicas adversas: poderán chegar a percibir entre o 25 e o 50% de bonificación, en función da circunstancia na que se atopen.

Aos alumnos que reclamen unha segunda matrícula no curso completo, aplicaráselles unha penalización económica do 50%; tendo en conta que suspender a especialidade instrumental é sinónimo de suspender o curso completo, a penalización aplícase a ambos casos. Na ordenanza anterior, a penalización era aplicada a todas as asignaturas; co cambio, preténdese potenciar que os alumnos continúen cos seus estudos musicais.

A permanencia verase recompensada, grazas á inclusión dun novo artigo: "A persoa que estuda no centro, que ten un expediente que lle permite seguir os seus estudos con normalidade e que fixo, dentro do prazo establecido, a reserva para continuar os estudos, terá admisión directa". O que se pretende é primar a continuidade dos alumnos en periodo de formación coa única excepción de que a súa especialidade se vexa desestimada, no seguinte curso, por falta de alumnado.

En canto á admisión, "os prazos de preinscrición para as persoas de novo ingreso" así como os pasos a seguir para a matriculación "serán publicados a través do taboleiro de anuncios do centro, web do Concello de Verín, redes sociais propias, carteis e outros medios que se estimen adecuados"

Críticas por parte da oposición

As críticas de Jiménez Morán, voceiro do Partido Popular en Verín, marcaron a tónica dun pleno no que, o ex alcalde, lanzou varios ataques, tanto á rentabilidade do futuro Conservatorio de Música de Verín, como ao Convenio para a celebración do Festival Internacional de Curtas (FIC) da vila. A celebración do FIC foi o segundo punto a destacar no pleno deste mércores. Ás críticas, respondeu o tenente alcalde, Diego Moura: sobre a necesidade de contar cunha memoria económico-financieira á que aludía o líder popular, o nacionalista apuntou que "aínda que un informe de Secretaria municipal si esixía contar con ese documento, o da interventora, que é un funcionario habilitado nacional coma a anterior, estima que non é preciso". Lourenzo Moura engadiu que "durante 17 anos, Verín só contou co Conservatorio Elemental, o que obrigou a moitos rapaces e rapazas da vila a desprazarse a outras localidades ou cidades como poden ser Xinzo ou Ourense. Non entendo coma vostede -en referencia a Jiménez Morán- vén de criticar a nosa iniciativa cando tivo tanto tempo para pola en marcha".
Os cuestionamentos de Jiménez non afectaron á aprobación por unanimidade das modificacións á ordenanza. Tampouco lle afectaron ao Convenio de Colaboración entre o Concello de Verín e a Asociación Vía XIV, que unha vez aceptado, permitirá a celebración do FIC no próximo mes de setembro, seguindo os protocolos e medidas de seguridade indicados para a protección contra a Covid. O Concello de Verín achegaré o mesmo importe do 2019, 50.000 euros, que financiarán grande parte do evento que xa está a colocar a Verín dentro dos circuítos da promoción do audiovisual nacional. 

 

Último trámite para converter o Conservatorio de Verín en profesional
comentarios