luns 12/04/21
O 10% destas entregaránselle ó departamento de Servizos Sociais do concello de Verín

'Conquista Verín', o xogo que destinará parte das súas ganancias a axudar ós máis desfavorecidos da vila

PRESENTACION CONQUISTA VERIN
Presentación do xogo 'Conquista Verín'.

Esta mañá tivo lugar en Caldeliñas a presentación de “Conquista VERÍN”, un xogo de mesa para toda a familia, parecido ó tradicional “ Monopoly”, no que se concentran as rúas máis representativas de Verín, así como diferentes establecementos que colaboran coa iniciativa. Parte das ganancias obtidas coa venda do xogo destinaranse a axudar ás persoas máis desfavorecidas da vila. 

Ó acto acudiron os creadores do xogo, José Antonio Quintas e María Domínguez, así como os representantes dalgunhas das entidades colaboradoras; Emilia Somoza, concelleira de Educación, Cultura e Festexos do Concello de Verín, Lara Da Silva, presidenta da D.O Monterrei e José Ángel Rodicio, presidente da Asociación de Empresarios de Verín (AEVER).

As normas do xogo son similares ás do "Monopoly", pero este caracterízase por estar ambientado na comarca. As cartas representan os lugares máis coñecidos da vila, e tamén situacións para rir coa familia e cos amigos. Á súa vez, serve tamén como plataforma de publicidade para os negocios que aparecen neste.

O xogo ten un prezo de 26 euros e pódese reservar a través da app Roombo a partir de mañá. Tamén se crearon diversos puntos de distribución nalgúns dos establecementos colaboradores de Verín. "Contaremos con 300 unidades que estarán a disposición do público a partir do 25 de abril, podendo reservarse a partir de mañá", explicaba José Antonio Quintas. 

Os creadores deste informaron de que o 10 por cento das súas ganancias irá destinado a axudar ás familias máis desfavorecidas do municipio. "Entregarémoslle o diñeiro ó departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín para que use os fondos como considere oportuno", alegou Quintas. 

Emilia Somoza, destacou a orixinalidade do proxecto, así como a súa potencialidade como "ferramenta visibilizadora do propio patrimonio da nosa vila" e tamén dos comercios locais que colaboraron coa iniciativa. Neste caso, o Concello de Verín realizará unha colaboración económica a través do financiamento anual achegado á Asociación de Comerciantes de Verín (AEVER), quen deciudiu destinar parte destes fondos a apoiar esta idea. 

Finalmente, José Ángel Rodicio, resaltou que "a Asociación de Empresarios de Verín viu nesta iniciativa unha gran oportunidade para darlle visibilidade ó comercio local da vila, así como de estar presentes nos momentos de lecer familiar dos verinenses e verinensas".

'Conquista Verín', o xogo que destinará parte das súas ganancias a axudar ós máis...
comentarios