luns 06.07.2020
Os candidatos de PSdeG por Ourense, Marina Ortega e Juan Carlos Rivera, sumáronse á petición do rexedor verinense

O alcalde de Verín pide por carta ao presidente da Xunta que lle deixe reabrir o centro de día da vila

O primeiro en amosar a sensibilidade coas familias dos usuarios do centro de día de Verín Raiola foi o tenente de alcalde do Concello, Diego Lourenzo, quen participou na xuntanza que a dirección da institución tivo coas familias dos maiores afectados. Nese encontro prometeu remitir unha carta á consellería de Política Social solicitando a reapertura inminente de Raiola. Esa misiva asinouna esta mañá o rexedor municipal, Gerardo Seoane, engadindo un destinatario máis: o presidente da Xunta de Galicia

O PSdeG provincial tamén se sumou á petición de reapertura dos centros de día, secundando ao seu líder autonómico, Gonzalo Caballero, que xa o solicitara nun vídeo remitido a Diario do Támega este domingo. 

 

Juan Carlos Francisco, Gerardo Seoane, Gonzalo Caballero, Rafael R. Villarino, Marina Ortega e Carmen Rodríguez, este xoves diante das portas do hospital de Verín. | FOTO: Noelia Caseiro.
Juan Carlos Francisco, Gerardo Seoane, Gonzalo Caballero, Rafael R. Villarino, Marina Ortega e Carmen Rodríguez, este xoves diante das portas do hospital de Verín. | FOTO: Noelia Caseiro.

"O deterioro dos nosos maiores durante esta dura etapa xa é unha realidade e a falta de actividade, terapias cognitivas, rehabilitación ou exercitación da memoria seguirá causando estragos no seu estado e sobrecargando aos seus familiares facendo da conciliación unha tarefa imposible. A prestación de servizos dun centro de día, as súas terapias e atención psicosocial, dificilmente poden ser suplidas por actuacións de asistencia a domicilio". Son as verbas que lle dirixe, por partida dobre, o rexedor verinense, Gerardo Seoane, en representación do sentir unánime do seu grupo do Goberno -Diego Lourenzo, o pasado xoves na reunión que a dirección do centro de día Raiola mantivo cos familiares dos usuarios da institución municipal, manifestouse en idéntico senso-, ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e á titular da Consellería de Política Social, Fabiola García. 

A prestación de servizos dun centro de día, as súas terapias e atención psicosocial, dificilmente poden ser suplidas por actuacións de asistencia a domicilio (Gerardo Seoane, alcalde do Concello de Verín)

Seoane Fidalgo entende, e así llo expresa na misiva ao máximo representante do Goberno autonómico, que "co obxecto de velar pola dignidade e coidados dos nosos maiores, cremos que sería necesario reconsiderar a decisión de manter pechados os centros de día ata o 1 de setembro permitindo a reapertura deste tipo de instalacións, que ofrecen servizos fundamentais para a calidade e expectativa de vida das persoas maiores", di o rexedor municipal verinense. 

O servizos que ofrecen centros de día como o de Raiola son fundamentais para a calidade e expectativa de vida das persoas maiores (Gerardo Seoane, rexedor verinense)

Ademais, Gerardo Seoane fai unha clara defensa da instalación municipal que explota a concesionaria do servizo do centro de día para maiores de Verín: "O Centro de Día Raiola de Verín dispón de infraestrutura capaz de garantir o distanciamento social e, ao igual que o resto dos centros do país, xa levara a cabo todos os traballos necesarios para adaptarse ás medidas de seguridade do protocolo marcado pola propia Consellería de Política Social", di Seoane Fidalgo, antes de rematar advertindo das graves consecuencias que retrasar a apertura de Raiola pode ter non só para os maiores usuarios do servizo, senón tamén para as súas familias e mesmo traballadoras da empresa concesionaria: "A non apertura dos centros restará saúde ás persoas, complicará a conciliación das familias e abocará ao peche a moitas empresas destruíndo emprego nun sector que crea milleiros de postos de traballo nun momento de crise sanitaria pero tamén económica", conclúe o primeiro edil socialista agardando que "se teña en consideración as demandas e necesidades da nosa cidadanía". 

Gonzalo Caballero, con Marina Ortega (número 1 por Ourense, á esquerda) e o verinense Juan Carlos Francisco, o día da presentación da candidatura socialista ao Parlamento de Galicia.Marina Ortega (número 1 por Ourense ao Parlamento de Galicia polo PSdeG), Gonzalo Caballero (candidato á presidencia da Xunta) e o verinense Juan Carlos Francisco (número 2 por Ourense); o día da presentación da candidatura socialista. 

O PSdeG provincial "non entende" este peche ata setembro

Á petición de Gerardo Seoane, o alcalde de Verín, vén de sumárselle o PSdeG-PSOE de Ourense que tamén lle reclama ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo -como así o fixo este domingo o xefe de filas de todos eles e candidato á presidencia do Goberno autonómico polo PSdeG, Gonzalo Caballero, nun vídeo enviado a esta redación-, a reapertura dos centros de día na provincia de Ourense e que rectifique a súa decisión de mantelos pechados ata o outono, dispoñendo de todas as garantías para reabrir estas instalacións cos protocolos de seguridade e hixiene necesarios e reforzando o persoal nos centros de día que sexa necesario. Os socialistas non dan creto á decisión do líder do Partido Popular de Galicia e consideran que “se podemos estar en cafeterías, saír á rúa ou ir ás praias, os centros de día deberían estar abertos tamén, xa que é un dereito dos nosos maiores e das persoas vulnerables e Feijóo ten a obriga de atendelos”.

O secretario xeral do PSdeG e candidato á Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, así o sinalaba neste mesmo medio, asegurando que "Feijóo amosa que non ten ningunha sensibilidade social e que despreza ás persoas máis vulnerables ao negarse a abrir os centros de día". Os socialistas son conscientes de que milleiros de persoas estanse a ver privadas da súa rehabilitación e de actividades importantes para a súa saúde mental e física polo que Caballero sinala que "non podemos consentir este retroceso en dereitos para as persoas maiores" e afirma que "un goberno progresista a partir do 12 de xullo poñerá todas as garantías para a reapertura destes centros".

Non é lóxico deixar na estacada aos máis vulnerables desta crise, os maiores con dependencia e as súas familias (Marina Ortega, número 1 do PSdeG por Ourense ao Parlamento de Galicia

A número 1 do PSdeG-PSOE de Ourense ó Parlamento de Galicia, Marina Ortega, fixo fincapé en que "non é lóxico deixar na estacada aos máis vulnerables desta crise, os maiores con dependencia e as súas familias" e lanzou a pregunta de "por que Feijóo que convoca as eleccións para xullo porque segundo el pode producirse un rebrote en setembro, pecha os centros de día e terapéuticos, os centros para persoas con discapacidade e as escolas infantís ata outono?". A candidata socialista tamén lle lembra o presidente da Xunta que "debe estar a altura das circunstancias" e remarca que "o PSdeG comprométese a que a partir do 12 de xullo, cun goberno progresista na Xunta, a reapertura sexa posible".

Non entendo como os nosos maiores poder ir a unha cafetería pero non poden acudir aos centros de día e recibir a súa terapia ocupacional (Juan Carlos Francisco, número 2 pola provincia ao Parlamento de Galicia)

Pola súa banda, o secretario de organización do PSdeG-PSOE de Ourense e número 2 pola provincia ao Parlamento de Galicia, Juan Carlos Francisco Rivera, lémbralle a Núñez Feijóo que “ten as competencias exclusivas en Sanidade e Política Social, polo que é o máximo responsable do que acontece en Galicia nas residencias de maiores e centros de día”. Francisco tamén apunta a que dende o PSdeG-PSOE de Ourense se recolleron as reclamacións e reivindicacións de milleiros de familias que teñen algún familiar nos centros de día e que “lle esixen a Feijóo que poña en funcionamento os mesmos coa maior celeridade posible”.

Francisco Rivera afirma tamén que "non se entende" que os usuarios deses centros "poden facer vida normal" visitando a familiares, paseando ou mesmamente acudindo a unha cafetería, pero "non poden acudir aos centros de día e recibir a súa terapia ocupacional ou mesmamente manter unha relación de sociabilidade co resto de usuarios dos centros, porque Feijóo llo prohíbe".

O alcalde de Verín pide por carta ao presidente da Xunta que lle deixe reabrir o centro...
comentarios