domingo 08.12.2019

Basi e os seus amigos, un conto de Julia Rivada

O venres, 22 de novembro, ás 19:30 horas, na biblioteca do Instituto de Educación Secundaria Xesús Taboada Chivite, Julia Rivada e Víctor Rodríguez presentan o libro Basi e os seus amigos, un conto infantil que agocha unha magnífica historia.

Julia Rivada, asinando o libro.
Julia Rivada, asinando o libro.

Un basilisco máxico, respectuoso, decidido e diferente, chamado Basi, protagoniza esta historia, que fala da integración, do amor á diferenza e do respecto polo que cada un é. Un libro que amosa que os problemas poden disolverse con boas intencións e determinación e no que a empatía é a palabra clave. Julia Rivada Arias -a autora- aterra xunto con Víctor Rodríguez -o ilustrador- este venres ás 19:30 horas na biblioteca do IES Xesús Taboada Chivite para contarnos máis sobre Basi e os seus amigos.

Julia Rivada naceu en San Estevo do Sil (Lugo) e dedicou a súa vida profesional á educación infantil, loitando por inculcarlle ás súas cativas e cativos a tolerancia, o respecto e o diálogo. Foi no CRA (Colexio Rural Agrupado) Raíña Aragonta de Salceda de Caselas (Pontevedra), na aula da Picoña, onde lle deu voz a Basi. E alá polo 2011 decidiu darlle cor e forma a este ser máxico. Para iso, encargoulle a tarefa a Víctor Rodríguez, un profesor de debuxo que impartiu clase durante 7 anos no IES Xesús Taboada Chivite.

Unha imaxinación desbordante, talento e unha fascinante capacidade de crear, transformar e compartir son algunhas das características que definen ao ilustrador de Basi e os seus amigos. Agora, Julia e Víctor, tras a publicación do libro na editorial Belagua neste 2019, voltan ao IES Xesús Taboada Chivite –xa estiveron no 2011- para amosarnos todo o que agocha esta historia.

Julia Rivada, nunha aula cos cativos explicándolles quen é Basi e todo o que esta figura mitolóxica galega agocha.

- Por que decidiu crear Basi e os seus amigos?

Quería levar a unha aula de Infantil unha criatura diferente e traballar cos cativos e cativas a educación en valores. E foi ese o principal motivo polo que decidín escribir este conto.

- Que historia agocha o libro?

No CRA Raíña Aragonta fixemos un proxecto sobre os seres míticos de Galicia. E a partir de aí decidín crear a Basi. Elixín ao basilisco, unha criatura con corpo de galo, sapo e serpe. Ten unha ollada maligna e cheira mal. A partires destes datos, os cativos traballan en valores.

- E, para vostede, quen é Basi?

Basi é unha criatura máxica, diferente. Esta, a través da súa ollada, fai que teña unha visión positiva da vida, do que cada un é. Unha aposta pola igualdade, pois Basi pode ser feminino ou masculino, o que cadaquén desexe. É, a fin de contas, unha historia aberta a múltiples interpretacións.

- No CEIP Canicouva de Vigo, decidiu converter o conto nunha obra teatral cos seus alumnos. Como foi o resultado?

O teatro é unha maneira magnífica de expresión para os cativos e cativas. Participaron familas no vestiario, o profesorado no mural e un cuarteto de corda que lle puxo música co canon de Pachelbel; unha maneira de achegar a música clásica aos rapaces e rapazas. O resultado foi un proxecto enriquecedor e inesquecible.

- Que pretendía amosar con este libro, máis aló da historia de Basi e os seus amigos?

Pretendía resaltar a importancia que ten segundo o nivel, é dicir, este libro é apto para Infantil, Primaria, Secundaria... Saber máis sobre a curiosidade, a capacidade de sorprenderse, a resolución de conflitos de maneira pacífica, o compartir, a pluralidade, o respecto polas diferenzas e a empatía.

- Por que escolleu a Víctor Rodríguez como ilustrador de Basi e os seus amigos?

Víctor foi quen de expresar todo o que eu quería transmitir. Ten unha gran creatividade e conexión cos rapaces e rapazas. Foi capaz de crear un ser tenro, vivaracho, con empatía, diferente.

- A fin de contas, que lle supuxo o proceso de creación e o resultado do libro?

Todo o proceso de creación foi máxico. Os rapaces buscaban a Basi nos recreos, coma se formara parte da aula. Sempre me trouxo sorte, o día da miña xubilación trouxéronme o primeiro exemplar e foi, sen dúbida, un momento fermoso.

- Este é o seu único libro, que virá despois?

Este é o primeiro conto que escribo, pero a continuación deste xa se está ilustrando. Esperemos que teña a mesma aceptación que Basi. O seguinte libro tamén tratará de seres míticos galegos e de valores.

Basi e os seus amigos, un conto de Julia Rivada
comentarios