martes 27/07/21
Segunda entrega do doutor en Filoloxía Xesús Lantes

ONOMÁSTICA | Os apelidos Cid (Ceide) e Lantes e o topónimo Ábedes

santo1
En Ábedes ten lugar a maior das romarías de Verín, a do San Antón. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Ceide (Cid) é un apelido que se encontra maioritariamente na forma castelán en todo o territorio galego e só en toponimia e minoritariamente como apelido encontramos a forma galega Ceide. Desde aquí animamos a todos/as que posúen o apelido Cid a que o galeguicen en Ceide. Procede do árabe sayyid “señor” e deu lugar aos antropónimos Zayd ou Zaide de onde procede o topónimo Ceide.

Encontramos 8436 casos do apelido Cid en Galicia; 289, en Verín. De Ceide, encontramos 423 casos en Galicia; 0, en Verín.

Lantes é un apelido que se estende por unha pequena área da provincia da Coruña con centro en Carballo desde onde se irradiou palas comarcas da Coruña e Bergantiños. De orixe incerta aínda que os investigadores en toponimia o relacionan coa familia de topónimos de orixe celta (nant “val”). Os topónimos derivados de “nant” son frecuentes en Europa e en Galicia: Nantes, Nante, Nantón  e tamén Lantaño, Lantarou. En Francia, Nantes. En Portugal, Vilar de Nantes (en Chaves). A orixe ben puido estar nun topónimo Lantes, hoxe perdido, na parroquia carballesa de Razo, de onde se cre que se estendeu pola área próxima, comarcas de Bergantiños e Coruña.

En Galicia encontramos 159 apelidos Lantes e 4, en Verín.
 

Ábedes: este topónimo paleoeuropeo ten orixe na raíz hidronímica Ap- (“auga”, “río”) que alternaría co variante Ab-, resultado da sonorización do -p- intervocálico. Con toda seguridade o río Ábedes, afluente do Támega, deu nome á localidade, hoxe parroquia, coa mesma denominación. Río e parroquia fúndense no mesmo topónimo, pero a orixe do río é moi anterior á poboación. (Iten, a Santa Maria d´ Abedes hun quarteiro de çenteo, Ferro, 53). Na época medieval encontramos tamén as variantes: Avedes /Abdes... pro terminis inter habitantes in villa de Sancta Maria et villa de Abdes. (Celanova: 95).

ONOMÁSTICA | Os apelidos Cid (Ceide) e Lantes e o topónimo Ábedes
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade