venres 10.07.2020
O pleno, sen contar co voto do rexedor, aprobou unha retribución do 75 por cento do máximo permitido para un axuntamento desta entidade

O alcalde de Verín cobrará do Concello 40.455 euros brutos ao ano, uns 2.900 euros ao mes en 14 pagas

Cinco anos despois sen contar o rexedor verinense cunha retribución salarial específica e orzamentada, a Corporación municipal aprobou esta mañá asignar un salario bruto mensual en catorce pagas de 2.900 euros a Gerardo Seoane, o alcalde. Tamén se aprobou adxudicar unha operación de préstamo para a financiación das inversións previstas no orzamento do 2020 e a exención das taxas por instalación de terrazas, as devengadas por rótulos e toldos -ambas na súa totalidade este ano- e tamén a suspensión do cobro polo lixo no segundo trimestre. 

Parte da Corporación municipal, con algún funcionarios, acudiron logo do pleno ao minuto de silencio convocado diante da Casa do Concello polos falecidos da pandemia. | FOTO: Carlos Montero.
Parte da Corporación municipal, con algún funcionarios, acudiron logo do pleno ao minuto de silencio convocado diante da Casa do Concello polos falecidos da pandemia. | FOTO: Carlos Montero.

A Corporación municipal de Verín acordou hoxe, entre outros puntos da orde do día, despois de cinco anos como alcalde sen percibir máis que as cantidades definidas por asistencias a comisións de Goberno e plenos, asignar, sen contar co voto de Gerardo Seoane, que se ausentou mentres tiña lugar a votación dese punto, unha retribución ao primeiro edil do Concello de 40.455,14 euros brutos anuais que se repartirán en 14 pagas dun importe, tamén bruto, duns case 2.900 euros, aos que lle haberá que detraer as cantidades propias da cotización á Seguridade Social por parte do asalariado así como as porcentaxes fixadas na lei reguladora do imposto da renda das persoas físicas (IRPF). 

Foi o primeiro dos puntos da orde do día e un dos que lle valeron, ao líder da oposición, Juan Manuel Jiménez Morán, para iniciar a súa exposición crítica coa xestión económica do grupo de Goberno. Cuestionou abertamente a retribución asignada para o rexedor, asegurando que "incluso está por riba da que perciben outros alcaldes de concellos de maior envergadura que o de Verín, como poden ser o de Arteixo, Lalín, Carballo ou mesmo Santiago", reincidindo no que xa vén sendo o seu habitual discurso combativo polo "gasto desbocado que se está a rexistrar con este Goberno, nun concello sobrecargado de persoal, onde se está a desmantelar a Policía Local e que nos está enviando, a todos os verinenses, a una situación desastrosa das arcas municipais". 
Non sería a última vez que Jiménez se referiría á hipotética situación económica do Concello de Verín. No seguinte dos puntos, o que lle autorizaba ao alcalde verinense, Gerardo Seoane, a pedir unha operación de tesourería para financiar as inversións contempladas no orzamento para 2020, volvería a facelo, acusando ademais dunha suposta prevaricación administrativa se é que o grupo de Goberno local continuaba adiante coa solicitude do préstamo sen ter presentada a liquidación do orzamento do exercicio 2019. Chegou incluso a ameazar con elevar escrito de denuncia aos órganos de tutela efectiva "no caso de que se manteña o incumprimento establecido na nota informativa do Ministerio de Hacienda na que se fixa cales debes ser as condicións aplicables para o endebedamento a longo prazo das entidades locais", dixo Jiménez Morán. 

Neste punto foi o responsable da concellería de Facenda do consistorio local, Diego Lourenzo, quen lle lembrou ao líder do Partido Popular "que vostede fixo o mesmo no 2010, canto tamén incrementou o endebedamento sen ter o exercicio anterior liquidado e cando a normativa á que vostede alude xa estaba en vigor dende o 2004", apuntou Lourenzo Moura, sen evitar replicarlle ao exalcalde Juan Manuel Jiménez, "que no mesmo artigo ao que vostede fai referencia para dicir que é un endebedamento ilegal, no seguinte punto, queda perfectamente claro que si se pode incrementar o endebedamento pois temos de marxe para coñecer a liquidación do orzamento do 2019 os seis primeiros meses do ano seguinte, que aínda non se cumpriron, polo que é perfectamente aceptable que se tome como referencia a liquidación do 2018", sinalou. 

Debate pola cifra da débeda municipal

Unha vez máis, as discrepancias en materia económica e no xeito de interpretalas quedaron de manifesto. Se o líder do PP aseguraba que cando chegase decembro deste ano o endebedamento do Concello rondaría os nove millóns de euros, o alcalde, Gerardo Seoane, puña fin ao debate suscitado afirmando que "o avance da liquidación do orzamento de 2019 que xa coñecemos calcula o remanente de tesourería en catro millóns de euros, que fará que cando remate este año, o endebedamento a longo prazo deste Concello estará nos 4,5 millóns, só 200.000 euros por enriba de cando chegamos nós ao goberno local", dixo Gerardo Seoane. 

Onde si obtivo o grupo de Goberno o voto afirmativo da oposición, aínda que o voceiro do Partido Popular consumiu parte da súa quenda de intervención en laiarse de que non fora debatida no anterior pleno unha proposta de medidas urxentes propostas polo seu grupo para paliar as consecuencias da pandemia xerada polo COVID-19, foi na proposta de exención de segundo dos trimestres da taxa de recollida de lixo para todos aqueles establecementos comerciais que se viron na obriga de pechar logo de decretarse o Estado de Alarma; e supresión das taxas por instalación de terrazas, rótulos ou toldos durante este 2020. 

O alcalde de Verín cobrará do Concello 40.455 euros brutos ao ano, uns 2.900 euros ao...
comentarios