domingo 08.12.2019
Ao longo destes meses realizáronse diversas sondaxes para o estudo do xacemento

O equipo de arqueólogos do xacemento A Cerca-Muro do Bubal explican a historia do castro

Este domingo, 1 de decembro, farase unha visita guiada a cargo do equipo do proxecto do xacemento arqueolóxico A Cerca - Muro do Bubal, o castro situado entre os Concellos de Monterrei e Oímbra no que se levan facendo sondaxes dende o pasado mes de outubro.

Vista panorámica do xacemento arqueolóxico A Cerca-Muro do Bubal.
Vista panorámica do xacemento arqueolóxico A Cerca-Muro do Bubal.

Con motivo do estudo arqueo-histórico do val do Bubal e co obxectivo de dar a coñecer o castro, o equipo que traballa no xacemento arqueolóxico A Cerca - Muro do Bubal organiza unha visita guiada que terá lugar o vindeiro domingo, 1 de decembro. Serán os propios arqueólogos os encargados de explicar os achados arqueolóxicos e a historia da Cerca - Muro do Bubal, un dos castros máis grandes e mellor conservados da comarca.

Dende o xacemento, cara o norte avístanse as parroquias de San Millao, San Cristobo e Medeiros. Cara o sur, atópase a parroquia de Espiño, pola que se accede ó xacemento. Precisamente, a saída da visita arqueolóxica está programada para as 10:30 horas dende o Teleclube de Medeiros e para as 11:00 horas dende a Praza do Souto de Espiño.

Dende o pasado mes de outubro están a realizarse sondaxes e diversas actuacións arqueolóxicas para comprobar a natureza e o estado do xacemento. Traballos realizados ó abeiro dun proxecto de estudio programado para o período 2019 - 2022 e financiado pola Deputación de Ourense. Nel participa a Facultade de Historia e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Historia Antiga e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo.

A Cerca_Muro do Bubal_imaxe procesadaImaxe virtual do xacemento arqueolóxico A Cerca - Muro do Bubal.

O Muro do Bubal é un castro da Idade do Ferro, un asentamento moi grande que conserva razoablemente ben o seu muro defensivo, de ata catro metros de altura nalgunhas zonas, e ao que se lle pode seguir o rastro en todo o xacemento. O GEAAT está levando a cabo diversas actuacións arqueolóxicas para comprobar a natureza do muro e afondar no seu estudo e coñecemento.

Ao longo dos meses de outubro e novembro o equipo de traballo estivo centrado nas actuacións de campo, realizando sondaxes en diversas zonas do castro e estudando os métodos de construcción do mesmo. Analizouse polo miúdo a colocación das pedras do muro na entrada principal do castro, dado o gran perímetro que ten. Ademais, realizouse o rexistro tridimensional do xacemento, empregando drons e fotogrametría 3D.

A Cerca_Muro do Bubal_sondaxe03Membros do equipo de arqueólogos traballando nas sondaxes realizadas no xacemento.

O equipo de traballo programou para este ano 2019 diferentes tarefas no castro. Ademais do estudo arqueo-histórico, xa se ten acometida a roza e limpeza do Muro do Bubal e a análise e preparación dos proxectos de excavación, conservación e restauración. Cara finais deste ano, levarase a cabo a posta en valor e a difusión dos resultados. 

O equipo de arqueólogos do xacemento A Cerca-Muro do Bubal explican a historia do castro
comentarios