jueves. 18.04.2024
A alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino e o subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro I. Sánchez (á dereita) | FOTO: Xosé Lois Colmenero
A alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino e o subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro I. Sánchez (á dereita). | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Recuperar as terras agrarias improdutivas e poñelas en valor é un obxectivo claro para o futuro do rural galego. Para iso, xa se están a levar a cabo políticas estratéxicas de traballo que pasan pola mobilización de superficies abandonadas de cara ao seu aproveitamento tanto desde o punto de vista agrícola como forestal. Tamén funcionarán como un bo instrumento de fomento da renovación xeracional do sector primario.

O polígono agrario de Oímbra segue o seu curso á espera da aprobación final da Lei de Mobilidade de Terras, prevista próximamente. Esta lei, que regulará o proxecto, atópase actualmente en trámite no Parlamento de Galicia.

O de Oímbra será un dos primeiros polígonos en ser posto en marcha unha vez aprobada a lei. Non lle pode faltar moito, eu creo que durante este mes de maio sairá adiante e xa poderemos comezar a traballar na preparación dos terreos (Ana Villarino)

Traballo, non obstante, co que xa tiveron a primeira toma de contacto o pasado mes de marzo, coa visita a Oímbra do subdirector de Mobilidade de Terras da Xunta de Galicia, Alejandro I. Sánchez de Dios. Alí estivo acompañado da alcaldesa, Ana Villarino, e dalgúns dos futuros arrendatarios de parcelas do polígono agrario, que mostraron a súa interese en contar con máis terreo para os seus cultivos. Xa son case un cento de veciños do concello os que cederon as súas propiedades en réxime de aluguer ao Banco de Terras galego. En total, son vinte hectáreas dispoñibles que xa se están quedando curtas. "Son de momento vinte hectáreas, pero tivo moi boa acollida e cremos que finalmente serán máis", dixo a impulsora da iniciativa, Ana Villarino.

A idea é que terras que están abandonadas e son claro pasto de incendio se reactiven e xente nova, que pode ter ou non outra actividade, conte con máis terreo para poder traballar e vender aquí. Cantas máis sexan, mellor (Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra).

E é que, segundo a rexedora municipal, existe o compromiso por parte da Consellería de Medio Rural de facilitar a comercialización de todos estes produtos derivados do polígono agrario: “Todo o que se produza aquí vai ter facilidades para a súa venda por exemplo, en cadeas de supermercados.”  

A totalidade das hectáreas, delimitadas entre os terreos de Penelas (San Cibrao) e Aberta Nova (Oímbra), van estar destinadas á produción de xénero da horta, como o pemento típico da zona, patacas, cereal e calquera outro tipo de cultivo que se poida dar. Para iso, é necesario coñecer as posibilidades do terreo a través dunha análise e así descubrir que zonas son máis aptas para determinados produtos.

Terreos que ocupará o futuro polígono agrario de Oímbra. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.Terreos que ocupará o futuro polígono agrario de Oímbra. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

 

Preparación previa

Coa superficie xa definida, faise necesario o reacondicionamento dos terreos e, segundo a rexedora, “xa se están preparando unhas sete ou oito parcelas que están dentro do programa e que teñen árbores como piñeiros ou chopos; hai de prazo ata finais de xuño para que os talen e a terra estea limpa”. E con ese obxectivo conseguido, será a Xunta de Galicia quen continúe coas labores de limpeza, desbrozamento e tódolos tratamentos necesarios para a súa preparación de cara á explotación. A madeira resultante estará, previsiblemente e na súa maioría, destinada á venda.

 

Os contratos

Os contratos de aluguer establecerán un acordo anual e un prezo que aínda está sen determinar e que virá definido na nova Lei de Mobilidade da Terra, aínda que “podería rondar os 200 euros por hectárea e ano”, asegura Ana Villarino.

Agora, dende o equipo de Goberno aseguran estar á espera da aprobación da lei que vai cumprir o obxectivo de todas estas actuacións: a recuperación da terra agraria da zona mediante unha actuación en conxunto, e non en modo individual de cada parcela. Deste modo conséguese un dobre valor: dotar de funcionalidade os terreos inactivos e limpar o terreo que permita previr futuros incendios forestais.

A boa acollida do polígono agrario: Oímbra xa pensa en ampliar a súa superficie