miércoles. 09.10.2024
WhatsApp Image 2021-03-08 at 11.36.18
Alejandro Ignacio Sánchez, subdirector de Mobilidade de Terras da Xunta de Galicia -dereita-, con Ana María Villarino Pardo, alcaldesa de Oímbra, e a súa técnica municipal de emprego, Marisa Santiago. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O subdirector de Mobilidade de Terras da Xunta de Galicia, Alejandro Ignacio Sánchez de Dios, achegouse esta mañá ata o concello de Oímbra para o que foi a primeira toma de contacto entre os futuros arrendatarios de parcelas do polígono agrario do municipio e a Administración autonómica. Na xuntanza tamén estaba a alcaldesa Ana María Villarino Pardo, impulsora desta iniciativa que vén de conseguir pór de acordo a 93 propietarios do concello para que cedan as súas propiedades en réxime de aluguer ao banco de terras galego e así, alomenos media ducia de produtores poidan contar con máis terreo para os seus cultivos. 

Segundo explicou Sánchez de Dios na xuntanza a pé de campo, serán arredor de 20 hectáreas as que inicialmente se poñan a disposición dos interesados. A consellería de Medio Rural encargarase do levantamento topográfico da extensión fixada, da identificación de todos os propietarios e dos trámites de cesión ao Banco de Terras para que a Xunta realice os traballos de acondicionamento e replantexamento de parcelas que máis tarde serán explotadas polos interesados. Na reunión quedaron xa comprometidas más de 10 hectáreas de terreo, das primeiras 20 dispoñibles, que se adicarán ao cultivo do pemento, da pataca e, tamén, do cereal. 

Terreos que ocupará o futuro polígono agrario de Oímbra. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.Terreos entre "Penelas" (San Cibrao) e a "Aberta nova" (Oímbra), que ocupará o futuro polígono agrario do concello. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

A rexedora de Oímbra, Ana María Villarino Pardo, quixo eloxiar o traballo de todos os intervenientes no proceso: "Dende o persoal do Concello e o grupo de Goberno, que conseguiron convencer a case un cento de propietarios para a cesión dos terreos, a estes pola súa xenerosidade e comprensión, pasando polos produtores que dende o primeiro momento responderon de xeito moi positivo á proposta, e ata a consellería de Medio Rural e ao seu conselleiro, nomeadamente, José González, por impulsar decididamente un proxecto que permitirá pór en valor as primeiras vinte hectáreas de terreos baldíos, que agardemos sexan as primeiras de moitas máis", sinalou. 

O futuro do rural está na liña que dende hoxe quedou moito mellor trazada aquí en Oímbra, que non é outra que a de permitir e conseguir que aqueles propietarios que non poden traballar xa os terreos os cedan a cambio dun aluguer que lles permita aos emprendedores seguir pondo en valor o noso territorio (Ana María Villarino Pardo, alcaldesa de Oímbra)

Villarino Pardo asegurou que "o futuro do campo galego, do noso rural, está na liña que dende hoxe quedou moito mellor trazada aquí en Oímbra, que non é outra que a de permitir e conseguir que aqueles propietarios que non poden traballar xa os terreos, pola súa idade ou por teren outras ocupacións, os cedan a cambio dun aluguer que lles permitar aos emprendedores seguir pondo en valor o noso territorio", finalizou. 

O polígono agrario de Oímbra bota a andar coas primeiras vinte hectáreas