miércoles. 24.04.2024
Porco ao espeto, empanada, ovos e a choiva foron os ingredientes do adeus

Oímbra queima o Entroido con moita festa, comida e viño do lagar

O lume está presente en moitas celebracións e ritos de toda condición ao ancho do planeta, tamén en Oímbra, onde festexan o adeus do Entroido, poida que queimando os actos e pensamentos desenfrenados aos que estas datas previas á Semana Santa inducen, a modo de fachóns de palla. No medio, o pobre moneco representativo destes días de troula, abrasado como se de San Lourenzo se tratara.

CRÓNICA.- En Oímbra si que saben dicirlle adeus ao Entroido, non só pola comida e bebida a fartar, senón tamén pola espectacularidade da posta en escea final, coa procesión dos fachucos e posterior queima deles e do kilométrico moneco ao que lle deron vida para logo convertirlo en cinza no medio da praza do pobo. Non é que tivesen moita presa en despedilo, como xa advertía a súa alcaldesa, Ana María Villarino, "aquí, primeiro cómese e bébese e logo é cando se traballa", se que por traballar se entende recorrer case dous kilómetros polas rúas da vila ata chegar ao lugar fixado para a fogueira de despedida.

oimbra8

Antes, a charanga NBA cansou -e ben- aos asistentes, que se refuxiaron no pavillón deportivo da pouca pero incesante e impertinente choiva. A música soaba, e as viandas non é que viñeran en bandexas, literalmente transportábanse en caixas de cartón repletas de patatas fritas e moita, moita empanada. Curiosamente, as oveiras de cor rosa traían ducias de ovos pero ¡cocidos! e xa pelados, listos para deglutir e coa temperatura idónea de seren acompañados do viño do lagar que pisaron, no medio do monte, meses atrás.

oimbra13

Pero, por se fose pouco o rosario de caixas que se mesturaban cas parellas de bailes e algún trenciño con vagón exclusivo para a primeira edila da Corporación local que se constituíu, non moi lonxe dalí, o hangar no que de habitual se gardan enseres e vehículo de titularidade municipal, era onte unha sorte de cociña industrial no que un inxenioso asadeiro de patente lusa cociñaba o porco ao espeto que logo se repartiría en sabrosas e atrativas merendas de pan.

oimbra10

Cando xa o buche ía sobrado de kilocalorías e a cachola lixeiramente quente polo viño do lugar, quenda para o deporte -os nenos non deixaron de correr polo pavillón- dos maiores: a procesión fachuzo ao ombreiro camiño da Praza da Igrexa. No percorrido, xa ían acendidos porque algúns, de varios metros de altitude, estarían ardendo ata Semana Santa de non ser así. A comitiva, como todas as desta índole, levaba a música diante, abrindo o paso polas escuras rúas só alumeadas polas construcións de palla. Agardando estaba medio pobo a que chegase o outro medio. Diante, o Entroido, moneco que semellaba vestido de Verino, en tonos grises e con futuro máis que negro.

SON VOLTAS... SON VOLTAS...

O medio cento de particulares costaleiros comezaron a moverse arredor do lugar habilitado para o sacrificio do anterior, que aínda que ben no alto levantado polo seu portador, non poido fuxir do facuchos de lume que creando unha sorte de cumio de palleiro en lapas ao carón, acabárono por consumir.

oimbra6

As voltiñas dos veciños con seu medio cento de fachóns seguiron ata que o último deles deixou de alumear. A música, coas trompetas, saxofóns e tuba da charanga abafadas polo fume, tamén. Quen non o fixo foi o Entroido do dezanove, que onte esmoreceu como en Oímbra manda e marca a tradición.

Oímbra queima o Entroido con moita festa, comida e viño do lagar