miércoles. 24.04.2024
oimbra
A Corporación de Oímbra declarou, de xeito unánime e institucional, o seu rexeitamento ao peche do paridoiro do hospital de Verín.

A Corporación municipal do Concello de Oímbra, que preside Ana María Villarino Pardo, aprobou este luns 30 de decembro o orzamento anual para o vindeiro exercicio económico, que para o ano que está a piques de comezar é de 1.403.000 euros, cuantitativamente inferior ao dos 12 meses que rematan en 140.000 euros, que se corresponden con partidas que se executarán neste vindeiro 2020 aínda que xa estaban contempladas e engadidas no anterior. 

Un ano máis, considerado o avellentamento da poboación deste concello ourensán, son os servizos sociais os que consumen a maior das partidas do seu orzamento, adicándose á protección do maior e tamén á cativada -o consistorio local financia do seu peto un tercio do custe das prazas da escola infantil, arredor de 900 euros por cada cativo ata un máximo de 18- nas súas respectivas opcións programadas dende a Xunta de Galicia, 291.445,70 euros, máis dun 20 por cento do importe total da conta anual. Non moi lonxe desa cantidade se sitúa a do benestar comunitario, partida enfocada, coma a anterior, en mellorar a calidade de vida dos administrados residentes no municipio pero xa doutras franxas de idade máis amplas e con demanda de servizos non tan específicos como o da Axuda No Fogar. A Corporación aprobou para este concepto máis de 220 mil euros, que só se ven superadas, ambas, pola cifra que custará o pago das nóminas e das cotas da Seguridade Social dos traballadores municipais, que ronda os 280.000 euros, o 25 por cento do orzamento aprobado esta mañá.

Nese liña duns orzamentos de marcado carácter de apoio social, mantéñense, e incluso se incrementan ata nun 20 por cento as axudas que dende o Concello de Oímbra se outorgan aos novos autónomos que decidan establecer a súa empresa ou industria no termo municipal. Así, dos 50 euros mensuais co que se apoiaban, pasarán a cobrar 10 máis. A medida, segundo informan dende o consistorio, permitiu rexistrar 7 novos autónomos novos no ano que se pecha.

Permanecen inalterables, iso si, as aportacións directas que percibirán as empresas que contraten persoal por conta allea. As cantidades irán dende os 300 euros para un contrato de tres meses, ata os 900 para os que teñan una duración mínima de 12, sempre con traballadores censados no municipio e en situación de desemprego. 

INVESTIMENTOS POR CONTA DE XUNTA E DEPUTACIÓN

As diferentes partidas de gasto, moi centradas no capítulo social, deixan á alcaldesa de Oímbra pouca marxe para investimentos notables con cargo ás arcas municipais. Así, só se recollen 45.000 euros para infraestructuras, do 1,4 millóns de euros de orzamento. Un ano máis, a principal cifra de inversións chegarán de mans dos Gobernos autonómicos e provincial, que volverán a achegar para determinadas execucións máis de 700.000 euros no vindeiro 2020. 

UNANIMIDADE CONTRA O PECHE DO PARIDOIRO VERINENSE

O derradeiro pleno do 2019 en Oímbra deixou tamén o unánime rexeitamento da decisión do Sergas e da súa dirección en Ourense de pechar o paridoiro do hospital de Verín. Todos os grupos políticos con representación apoiaron, sen dubidado, unha declaración institucional da Corporación que lle farán chegar á Consellería de Sanidade, Xerencia autonómica do Sergas e á Xerencia de Área de Ourense, Verín e Valdeorras, na que, de xeito literal, solicitan que "se revoque a decisión do peche xa executada, que no só se manteña o actual paridoiro, senón que se reforce coas medidas necesarias tanto de persoal como de recursos humanos para darlle unha total seguridade; e que este mesmo apoio decidido se faga extensivo a cantos outros servizos ou especialidades médicas do Hospital sexan necesarios". 

Oímbra incrementará no 2020 un 20 por cento o seu apoio económico aos novos autónomos...