Con motivo de frear a despoboación das aldeas do Concello de Oímbra vaise poñer en marcha o programa ‘ViveOímbra’, un proxecto enmarcado no Plan Estratéxico de Subvencións 2021, aprobado o pasado 24 de marzo, e que pretende fomentar o aluguer de vivendas baleiras, para que se convertan en residencia habitual dos seus arrendatarios.
É unha maneira de motivar á xente que non usa esas casas, porque ten outras, a darlles a oportunidade de ser ocupadas (Ana María Villarino, alcaldesa de Oímbra)
Conta a rexedora, Ana Villarino, que “un dos principais temores dos donos das vivendas deshabitadas é unha posible falta de pago por parte do inquilino”. Por iso, o Concello vai asumir, durante os doce primeiros meses, un seguro de impago da renda do aluguer e así, funcionar como garantía.
Tamén vai ser o propio Concello quen formalice o contrato de arrendamento estándar que despois poderá ser adaptado segundo as necesidades de cada vivenda. O Concello vai pasar así a ser un intermediario entre arrendador e arrendatario. “É unha cuestión de confianza para o propietario aínda que tamén para o inquilino”, recalcou a alcaldesa.
A nova web municipal
’ViveOímbra’ vai ser algo así como un portal inmobiliario dispoñible na nova páxina web municipal, onde estarán detalladas pormenorizadamente as características das vivendas anunciadas en aluguer. Esta nova web, que agora mesmo se atopa en construción, tamén vai facilitar e axilizar a realización de diferentes trámites do Concello, e contará cunha imaxe máis moderna e renovada.
Presentación de solicitudes
Para beneficiarse deste programa, só é necesario incoporar as vivendas ao programa ‘ViveOímbra’ durante todo o ano 2021, a partir da data de presentación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), a través dun formulario como o seguinte:
Formulario tipo para a presentación de solicitudes de ‘ViveOímbra’. | FOTO: Concello de Oímbra.
O programa entrará en vigor un día despois de ser publicado no Diario Oficial da provincia, previsto para os próximos días, aínda que terá carácter retroactivo dende o pasado 1 de xaneiro.