luns 12/04/21
Mellorarase o aspecto global de varias rúas contiguas

A Xunta financiará cuns 100.000 euros a remodelación do entorno da capela de San Miguel de Vilaza

Capela de San Miguel.
Capela de San Miguel.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licita por máis de 100.000 euros as obras de mellora e urbanización de varias rúas da contorna da capela de San Miguel en Vilaza, no concello de Monterrei.

Esta actuación ten como obxectivo homoxeneizar a zona e poñer en valor as inmediacións deste edificio, xa que na actualidade, existe unha discontinuidade do pavimento, o que é un exemplo de feísmo neste núcleo rural.

Actuarase nas rúas Capela, Cova e Santa María, así como no tramo que vai dende a Cova ata a capela, para corrixir o piso dispar de formigón actual e definir un novo firme, adoptando unha solución similar á que se localiza na zona norte do núcleo de Vilaza, que servirá de referente co fin de dar unha imaxe de unidade.

As entidades interesadas en presentarse a este contrato de obra pública dispoñen ata o vindeiro 7 de abril para presentar a súa oferta, que terá un prazo de execución de tres meses.

A Consellería de Medio Ambiente aposta desde hai varios anos por este tipo de colaboracións, para apoiar ós concellos no desenvolvemento de intervencións urbanísticas de humanización orientadas a frear o despoboamento rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas e cidades galegas.

A Xunta financiará cuns 100.000 euros a remodelación do entorno da capela de San Miguel...
comentarios