luns 26/10/20
As forzas da oposición pedirán a celebración dun pleno extraordinario e urxente

Os veciños de Albarellos "pecharanse" batendo cazarolas diante do concello ata que non abra o centro de saúde

Aínda que o Sergas enviará en horas unha unidade móbil que faga as veces de sala COVID para que o centro de saúde de Albarellos cumpra cas esixencias da emerxencia sanitaria, os veciños de Albarellos non abandonarán as cazarolas ata que non haxa un acordo que permita a remodelación das instalacións para que se adecuen á nova normalidade. 

Os veciños de Albarellos mantiveron unha asemblea na praza Ángel Medeiros. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Os veciños de Albarellos mantiveron unha asemblea na praza Ángel Medeiros. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Hoxe é o primeiro dos días da nova concentración na defensa dos recursos sanitarios da comarca. Os veciños de Albarellos, no Concello de Monterrei, "pecharanse" por quendas diante da casa consistorial cazarolas en man para protestar pola non apertura do centro de saúde que acaba de ser remodelado e que, segundo o criterio do xerente do Sergas en Ourense, Félix Rubial, non cumpre cos criterios precisos para atender a pacientes en estado de emerxencia sanitaria

Así o decidiron nunha asemblea popular onde participaron cerca de 200 persoas, ás que se lle explicaron, por parte de todas as forzas representadas na Corporación municipal, o que estaba a acontecer para que os profesionais sanitarios non retornasen aínda ás remodeladas instalacións dentro da Casa do Concello. Alí estaban Alberto Rodríguez García, polo BNG; Carme Sola Pérez, por Veciños de Monterrei, e mesmo un concelleiro do partido de Goberno e tenente de alcalde, Delfín Boo Payo. Foi este quen, nunha pequena intervención, anunciou que, para que o centro de saúde local poida reabrir as súas portas, instalarase unha unidade móbil a carón do edificio do concello que fará as funcións de sala COVID, para así poder derivar a ela os posibles casos de sospeitas ou confirmacións de positivos da enfermidade. 

Esa alternativa permitirá que, cando estea instalada, o centro de saúde recupere a súa actividade antes de que se decrete o fin da emerxencia sanitaria pero as forzas do oposición sinalaron que "esa opción provisional non pode substituír ao verdadeiro problema, que é que as instalacións precisan ser remodeladas e adaptadas á nova realidade. Non pode ser que se invertiran 300.000 euros nunha reforma e que o centro de saúde quedara con menos espazos dos que tiña antes", dixo Carme Sola, de Veciños de Monterrei. 

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Alberto Rodríguez, suxeriu tamén nesa asemblea que "unha das posibles solucións sería adaptar a dependencia destinada á asistenta social como sala COVID, que ademais permitiría ter unha saída independente ao exterior e unha conexión cos despachos sanitarios, adaptándoa así sen moita obra ás esixencias requeridas polo Sergas".

Todos os veciños participantes na asemblea respaldaron a medidas de presión anunciadas e dende esta mañá participarán por quendas nas protestas, que serán todos os días entre as 10:00 e as 13:00 horas diante das portas do Concello de Monterrei

Os veciños de Albarellos "pecharanse" batendo cazarolas diante do concello ata que non...
comentarios