jueves. 25.04.2024
04C64D40-5C37-4C3E-96EE-15D6F1F2C263
Antonio Rodríguez Colmenero, na súa intervención esta mañá.

Hoxe foron inauguradas as primeiras Xornadas de Prehistoria, Arqueoloxía e Historia das terras de Monterrei nun lugar clave e moi representativo destas disciplinas, o Castelo de Monterrei. Un evento que terá lugar durante os días 23, 24 e 25 de setembro co obxectivo de facer viaxar a estudantes, profesionais e curiosos ao pasado a través da voz de diversos especialistas.

O acto foi presentado polo alcalde de Monterrei, José Luís Suárez, acompañado dos rexedores de Oímbra e Cualedro, Ana Villarino e Luciano Cuquejo; e a decana da facultade de Historia da Universidade de Vigo, Susana Reboreda.

Tras isto, tivo lugar a conferencia inaugural das xornadas da man dunha eminencia da arqueoloxía, o polifacético doutor Antonio R. Colmenero que, ademais, é veciño de Lucenza –Cualedro-.

Colmenero baseou o seu discurso na riqueza arqueolóxica da nosa comarca, sinalando especialmente cara a Serra de Larouco, a fortaleza medieval de Monterrei e a vida do Condado.

Tamén houbo cabida para as curiosidades, como topónimos da nosa zona que o arqueólogo alcumou como “raros”. “A casa da neve’ era un lugar moi misterioso porque non sabíamos de onde viña o nome. Investigamos e apareceu unha figura circular e, no fondo, un escudo, que despois descubrimos que pertencía aos Zúñiga aló polo século XV. Ese lugar era utilizado como frigorífico polo Conde, onde utilizaban a neve para refrixerar. De aí o seu nome”, explicou.

Non quixo rematar sen facer un chamamento sobre a importancia de manter con vida a historia de Monterrei. “Temos que estar orgullosos de formar parte do Condado de Monterrei, en vez de deixar toda esta riqueza no esquecemento, debemos poñela a funcionar”, incidía.

“Quero facer a proposta de creación dun museo do Condado de Monterrei e un arquivo para recompilar todas as obras tan importantes que temos sobre isto”, recalcaba, mentres deixaba clara a súa intención de continuar involucrado neste mundo aos seus 85 anos. "Eu son feliz e así vou continuar", afirmou.

Por toda a súa traxectoria, recibiu un premio realizado polo seu ‘discípulo’, o artesán de Allariz José Manuel Vázquez Osorio, quen formou parte do seu grupo de investigación. “Non merezo tanto pero estou tremendamente agradecido”, afirmaba Colmenero no momento da entrega.

NOTICIAS VERÍN | Antonio R. Colmenero, arqueólogo, "Aos meus 85 anos son feliz...