viernes. 26.04.2024
O rexedor de Monterrei, José Luis Suárez Martínez. | FOTO: Alberte Paz.
O rexedor de Monterrei, José Luis Suárez Martínez. | FOTO: Alberte Paz.

O Concello de Monterrei someteu a exame, na sesión plenaria deste mércores ás 13:30 horas, o seu proxecto de orzamentos para o vindeiro ano 2022, que suma un importe total de 2.112.747, 59 euros e que saiu adiante cos votos a favor únicamente dos concelleiros do Partido Popular. 

Deles, únicamente 111.175,15 euros se adicarán a novos investimentos no municipio, o que ven a supor pouco máis do 5 por cento da cifra total orzamentada.

Pola contra, unha vez máis, será o persoal do concello, tanto funcionario como laboral, o que consumirá grande parte dos recursos contemplados para o vindeiro exercicio. No 2022, o Concello de Monterrei gastará, entre retribucións e cotizacións á seguridade social, un total de 1.161.729,76 euros, que representa o 54,99 por cento de todo o orzamento xeral

Contrasta, segundo os datos recabados, o incremento que sofre a partida de persoal co decremento do capítulo de inversións. No 2020, as inversións en novas infraestruturas alcanzaron case os 400.000 euros, fronte os pouco máis de 100.000 que se orzamentan para o vindeiro 2022, o ano que tería que ser o da recuperación logo de case dous de pandemia. 

Quere asegurar o seu posto mercadeando cos cartos de todos os veciños de Monterrei, en vez de investir no ano que tiña que ser o da recuperación (Carme Sola Pérez, voceira de Veciños de Monterrei)

Carme Sola, a voceira do grupo "Veciños de Monterrei", asegura que era "algo agardado, o ano 22 é o ano previo ás eleccións municipais e increméntase indecentemente a partida dos gastos de persoal para o xa coñecido mercadeo de votos de cara aos comicios do 2023. É dicir, en vez de apostar polo investimento, a mellora das infraestruturas e por crear riqueza para todos os seus veciños, asegúrase os votos mercados co diñeiro de todos os veciños de Monterrei para revalidar o seu posto de rexedor", sinala Sola Pérez. 

É necesario aumentar o capítulo das inversións para poder facer actuacións importantes no noso concello, non pasaría nada por ir a un endebedamento a longo prazo nun momento de supresión das regras de gasto (Alberte Rodríguez García, voceiro do BNG)

Na mesma liña se expresou o líder do BNG, Alberte Rodríguez García, quen calificou de "ridícula" a asignación orzamentaria para investimentos, e instou ao rexedor popular, José Luis Suárez, a levar a cabo unha política expansiva, incluso endebedando ao Concello a longo prazo para "adicar un maior importe á inversións que xeren riqueza e combatan a progresiva redución da poboación que está a sufrir o noso municipio. É necesario aumentar o capítulo 6 das inversións, que é como vostedes saben o da capacidade para poder facer actuacións importantes no noso concello, como por exemplo a renovación de saneamentos, arranxo de rúas tan necesario e moitas máis actuacións", incidía Rodríguez García. "Non pasaría nada por ir a un endebedamento a longo prazo nun momento de supresión das regras de gasto", recalcou o voceiro nacionalista Alberte Rodríguez. 

 

"Uns orzamentos realistas e cautelosos"

O rexedor, pola contra, logo de escoitar a todos os voceiros da oposición, defendeu as contas que presentaba a exame asegurando que son "continuistas, realistas e cautelosas", destacando o incremento de máis de 300.000 euros con respecto ás cifras do exercicio anterior. "A situación actual motivada pola pandemia segue sendo complicada, con repercusións en moitos aspectos que nos afectan, como son os prezos da enerxía, o incremento dos prezos en xeral, a problemática coa entrega de subministros, inseguridade na financiación municipal..., polo que facer uns orzamentos nesta situación foi complicado", dicía Suárez Martínez. 

O alcalde fixou coma principais obxectivos para o 2022 "seguir mellorando os servizos sociais e de emprego, continuar mellorando as infraestruturas e servizos básicos, sobre todo no relacionado cos abastecementos, saneamentos e depuración de augas". 

Suárez Martínez xustificou o elevado custe do persoal nos orzamentos do 2022 porque "nese capítulo se recolle o custe do persoal dos obradoiros dos que somos promotores e tamén o feito de prestar directamente o servizo de axuda no fogar (...). Para este equipo de Goberno o SAF debe seguir sendo prestado directamente por nós, un servizo cen por cen público, e para iso precísase persoal", xustificábase Suárez Martínez. 

O alcalde deixou aberta incluso a posibilidade de apagar luminarias ao longo do vindeiro ano 2022 co gallo de aforrar no recibo da enerxía eléctrica. 




 

Monterrei reduce no 2022 ata un 70% o investimento que adicou no 2020