luns 12/04/21
O teaser do proxecto filmouse nas súas salas

O Retiro do Conde, en Vilaza, escenario dunha webserie cómica sobre Hitler

Equipo rodando
Equipo rodando no Retiro do Conde. | Foto: cedida.

"Os tempos mortos do Führer" é unha webserie satírica de dez capítulos que mostra os momentos máis íntimos de Adolf Hitler, adentrándose nos seus enredos, problemas e situacións cómicas. É un proxecto levado a cabo polos alumnos de 2º de Produción de Audiovisuais e Espectáculos do CIFP A Farixa, para pór en práctica os seus coñecementos.

O lugar que escolleron para gravar o pequeno adianto desta serie foi o Retiro do Conde, que decidiu colaborar desinteresadamente con Conxuro Producións, nome do equipo formado por estes rapaces; habilitándolle as salas necesarias para a rodaxe do teaser, de maneira totalmente gratuíta. Esta levouse a cabo o pasado mes de marzo, co obxectivo de ter unha primeira toma de contacto e para ensinarlle ó público e ás diversas entidades os avances e a calidade do traballo levado a cabo.

Debido á pandemia estanlle xurdindo bastantes impedimentos, pero segundo alega a directora de produción, Elisa, "as dificultades xeran oportunidades". Ela e os seus compañeiros de equipo, Uxía, Gemma, Javier e Antía forman parte da produtora ficticia Conxuro Producións, asumindo este reto con ambicións profesionais, e dispostos a converter a súa idea en realidade.

A filmación de "Os tempos mortos do Führer" estaba prevista para finais de febreiro, pero tivo que ser aprazada por mor das restricións. Isto, lonxe de truncar o desenvolvemento da serie, deulle forzas ó grupo para ampliar os seus obxectivos, tanto á hora de buscar financiación como no traballo de dirección e produción.

HÉCTOR MARTÍNEZ MINUTOS ANTES DA RODAXE-minHéctor Martínez, caracterizado como Adolf Hitler. | Foto: cedida. 

Financiación

Con respecto a isto, os membros do equipo foron ambiciosos, e conseguindo patrocinios como Gadis, Leticia Celaá Beauty Lounge, ou o propio Departamento de Dinamización Lingüística da Farixa, ademais da aportación do propio centro. Outras empresas como Antigüedades Urbano (Ourense) e o xa mentado Retiro do Conde (Vilaza) están colaborando directamente no proxecto. A estes apoios pretenden sumarlle o nome dunha gran marca para poder cubrir o orzamento previsto, o que lle permitirá acadar uns estándares de produción dignos dun Mestre Mateo.

O equipo artístico e o elenco

O que naceu como un proxecto educativo dun módulo de ciclo, converteuse nunha webserie de factura profesional, contando no seu equipo con grandes nomes do sector. Entre eles o actor protagonista, Héctor Martínez, colaborador habitual de Sarabela Teatro e participante do filme "Luarada"; de Óscar Doviso. No elenco atópase José Manuel Mao, que ademais de traballar na longametraxe xa mentada, tamén cooperou en "Lavilledieu" e "Un Mundo Feliz", entre outros. 

Dentro do equipo artístico está Elena Seijo, cofundadora de Sarabela Teatro, e que ten unha ampla experiencia tanto teatral como audiovisual, formando parte de producións de ámbito nacional como "Vis a Vis", "La Valla" e recentemente, "El desorden que dejas". O director de fotografía, Daniel Rodríguez, ex alumno do CIFP A Farixa, cruzou o charco coa curtametraxe "Another Luna", de Estados Unidos. O encargado de crear un ambiente acorde á época é Luca Yohan Silva Lamy, quen participou en proxectos como "O que arde", "La que se avecina", "Serramoura" ou "Vivir sin permiso".

IMAXE RODAXE TEASER EQUIPO-minO equipo o día da rodaxe. | Foto: cedida. 

O exército do Führer 

Entre os seus seguidores das redes sociais destacan a verinense Esther Estévez, presentadora do "Dígocho eu", e a limiá Patricia Fernández Santana, e lograron ter algunha que outra interacción co "Land Rober Tunai Show". Hai que sinalar que acadaron medio millar de adeptos, ós que eles mesmos clasifican como o "Exército do Führer", entre os que se atopan diversos personaxes públicos que os levan apoiando dende os inicios, como é o caso de Ilenia Morales e Noelia Campo, Carmen Rodríguez ou Natalia Álvarez. A maiores disto, a webserie conseguiu traspasar as fronteiras, xa que teñen fans en Brasil, Suiza, Italia, Venezuela, Francia e Rusia.

O Retiro do Conde, en Vilaza, escenario dunha webserie cómica sobre Hitler
comentarios