domingo. 13.10.2024
xornadas arredor música AGA - Álvaro Rúa 20230923
Álvaro Rúa presentará a súa investigación sobre o folión de Mormentelos.

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza este sábado, 23 de setembro, a que será a undécima edición das Xornadas arredor da música tradicional en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Un seminario que se celebrará na Casa da Gaita de Viascón, en Cerdedo-Cotobade.

Unha cita anual que busca divulgar a música tradicional creando un punto de encontro no que coñecer, afondar e transmitir as tradicións dos distintos territorios e no que se amosa a riqueza cultural dunha maneira aberta pondo de relevo traballos de investigación realizados sobre as músicas tradicionais.

Nista úndécima edición participará o verinés Álvaro Rúa, que vén de bater un novo récord Guinness mundial coa nota máis longa tocada cun instrumento de vento. O pasado 3 de agosto rompía a marca anterior utilizando a gaita galega e tocando de seguido durante 13 minutos e 26.95 segundos.

Álvaro Rúa, récord nota máis longa 20230803
Álvaro Rúa co certificado do récord batido o pasado mes de agosto.

Álvaro Rúa, músico fundador e actual codirector da Banda de Gaitas Nova Era, presentará a súa investigación "O folión de Mormentelos. O Entroido na aldea de Mormentelos e os elementos que o compoñen"; onde analiza como foi evolucionando o festexo ó longo do tempo e como se manteñen costumes propios do xeito de vida da sociedade galega de comezos do século XX.

As Xornadas arredor da música tradicional amosarán a riqueza cultural das nosas tradicións musicais, pero tamén as doutros lugares. Nista undécima edición afondarase nos Zés Pereiras, agrupacións tradicionais do Baixo Miño galego e do Alto Minho portugués a modo de trebóns que tocan bombos de grandes dimensións a dúas mans.

NOTICIAS VERÍN | Álvaro Rúa leva o folión de Mormentelos ás "Xornadas arredor da música...