domingo. 19.07.2026
Un evento que reúne a medio centenar de grupos tradicionais

A undécima Mascarada Ibérica ViBoMask atraerá milleiros de visitantes a Viana e Vilariño de Conso | NOTICIAS VERÍN

Presentación da XI Vibo Mask. | FOTO: Noelia Caseiro.
Presentación da XI Vibo Mask. | FOTO: Noelia Caseiro.

As localidades de Viana do Bolo e Vilariño de Conso acollerán, entre os días 20 e 22 de marzo, a XI edición da ViBoMask (Festival Internacional Mascarada Ibérica). A presentación oficial deste evento, consolidado como a maior concentración de rituais ancestrais da Península Ibérica, tivo lugar este martes no Pazo Provincial co respaldo da Deputación de Ourense e o Inorde. Esta undécima edición reafirma o crecemento dun proxecto que busca enxalzar as raíces e a identidade dos pobos a través das súas máscaras de inverno.

 

O festival contará coa participación de preto de medio centenar de grupos procedentes de diversos puntos da xeografía galega, de comunidades autónomas como Asturias, Cantabria, Castela e León, Castela-A Mancha ou o País Vasco, así como unha destacada presenza de Portugal. Ademais, este ano a ViBoMask segue a reforzar a súa proxección internacional coa presenza de invitados de Italia, concretamente do entroido alpino de Sappada, cuxas figuras tradicionais como o ròllat e o pajaz participarán nos actos centrais.

 

A programación comezará o venres en Viana do Bolo con conferencias técnicas no IES Carlos Casares e a inauguración de exposicións etnográficas, seguidas dunha gran foliada polas rúas e bares da vila. O sábado, a actividade centrarase de novo en Viana coa apertura do ViBoMarket —un mercado de artesanía e produtos típicos— e o multitudinario desfile polas rúas principais a partir das 16:30 horas. Finalmente, o domingo o festival trasladarase a Vilariño de Conso, onde terá lugar o desfile de peche e a clausura desta edición que busca elevar a candidatura das mascaradas ibéricas a Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO.


 

A undécima Mascarada Ibérica ViBoMask atraerá milleiros de visitantes a Viana e...