
Arredor de 2.500 persoas participaron durante os nove días do Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV 2023 que vén de clausurar a súa oitava edición. Unha cifra de asistentes que supera á do ano pasado, tanto nas actividades organizadas ó abeiro da axenda do certame de cinema coma no visionado das curtas presentadas a concurso.
Entre todos e todas estamos a facer un Verín máis vivo
Organizado pola Asociación Cultural Vía XIV, o Festival de Curtas de Verín volve demostrar ser un punto de encontro para amantes do cinema. O esforzo realizado por Carlos Montero, Jorge Godás e Alejandro Nieves, membros da asociación, e por todo o equipo humano que traballa no certame, obtén a súa recompensa ó incrementar a participación da pasada edición.
O director do festival, Carlos Montero, agradece ó público asistente ó certame a súa participación e tamén ó Concello de Verín: “Entre todos e todas estamos a facer un Verín máis vivo, máis dinámico, no que a cinematografía e a cultura ocupan un papel central”, afirmaba. Un ano máis, axentes do tecido socioeconómico de Verín implicáronse activamente na iniciativa.
Diferentes directores e directoras de curtas presentadas a concurso amosáronse gratamente sorprendidos co que aquí se atoparon
Empresas, comercios e hostalería secundaron moitas das actividades paralelas organizadas ó abeiro do certame, promovendo que o festival se converta nun contedor cultural para ofrecer iniciativas ben diversas. “Disto tamén trata o FIC Vía XIV -considera Montero-, de funcionar como polo para a atracción turística”.

Gastronomía, cinema ao aire libre musicalizado en directo, patrimonio, escaparates de cine, o túnel do viño de Monterrei, música ao vivo, cata de cervexas, petiscos de cine, obradoiros profesionais, a estrea da curta Enferma, o espectáculo Encerrona de Pepe Viyuela ou a actividade infantil dirixida por Raquel Queizás foron algunhas das iniciativas realizadas nista edición.
“Diferentes directores e directoras de curtas presentadas a concurso amosáronse gratamente sorprendidos co que aquí se atoparon, co noso territorio, cos nosos viños e co noso patrimonio e aseguráronnos que ían volver”, abonda Carlos Montero. O certame está dándolle vida a Verín e non só iso, tamén houbo 100 persoas que seguiron a gala de entrega de premios de xeito online.