domingo. 05.05.2024
Premios martín códax da música 2024, finalistas salas concertos, arca da noe, mardi grass, a pousada da galiza imaxinaria
Noe Vázquez, acompañada dos representantes das salas Mardi Gras e A Pousada da Galiza Imaxinaria. | FOTO: PixelinPhoto.

É a terceira vez que a taberna cultural rexentada por Noemi Vázquez Nogueiras está nominada aos Premios Martín Códax da Música. Tan só dous anos despois da súa apertura alzábase co premio, foi no 2016; e no 2018 volveu ser nominada. Nesta edición, A Arca da Noe comparte nominación coa recoñecida sala Mardi Gras (A Coruña) e coa sorprendente A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro). Todos eles estiveron onte na gala de presentación dos finalistas, todos con grandes sorrisos e moita ilusión por seguir pondo de relevo a música ao vivo.

A Arca da Noe comezou a viaxar o primeiro de agosto do 2014 nun entorno eminentemente rural, na Rúa do Forno de Vilar de Santos. A súa "primeira travesía" xa marcaba o que ía vir; aquel día Uxía & Narf ofreceron un dos seus mellores concertos logo dunha apertura de comportas onde houbo poesía e foliada. Dende entón, "A Arca" non deixou de navegar polo mar da cultura. A música foi porto prioritario da Arca da Noe; concertos de tódolos estilos e artistas da Galiza e de todos os puntos do mundo. A música coma punto de encontro das culturas nun porto do rural que moitas visitas leva recibido nos últimos anos. 

a arca da noe 02
Concerto de "Os Carecos", A Arca da Noe, marzo.

Cultura e dinamización do rural foron sempre as premisas de Noe, unha aposta decidida que namora a quen a coñece e convence a quen visita a súa Arca. As cousas foron medrando e os proxectos ampliándose: gastronomía, mercados artesanais, difusión dos produtos galegos e da ecoloxía, obradoiros, relatorios, un sen fin de actividades culturais e ata a edición dun libro-disco que vén de publicar e presentar para conmemorar os 10 anos de existencia da Arca da Noe.

Premios Martín Códax da Música

A gran gala da final dos Premios Martín Códax da Música 2024 celebrarase o vindeiro 15 de maio en Pontevedra, nun evento que reúne o mellor da música galega no último ano. Será a undécima edición dos premios outorgados pola recoñecida adega situada en Cambados, Pontevedra. 

Bodegas Martín Códax foi fundada no 1985 co nome do trovador galego máis coñecido, quen cantaba ao amor e á mar do litoral galego. Unha homenaxe que marcou dende o inicio a unión da adega coa cultura musical. Son ben coñecidos "Os Xoves de Códax", ciclo de concertos que se celebra ao longo do vrao no que a tradición e a fusión lévaos a programar actuacións dos máis variados estilos. Iso si, sempre cun carácter altruísta: cada xoves, a recadación destínase a unha ONG.

A Arca da Noe, finalista nos Premios Martín Códax da Música 2024