domingo. 28.04.2024
José Luis Tielas Santiago
José Luis Tielas Santiago.

O recén nomeado director do Conservatorio de Música de Verín, José Luis Tielas Santiago, non entende a súa vida sen unha banda e ben o demostra a súa biografía. Nado en Ribadavia, iniciou os seus estudos na escola de música da banda da súa vila natal: La Lira.

Obtivo o Grao Profesional na especialidade de clarinete, os graos superiores en Composición e Dirección de Orquestra e o Máster en Dirección Orquestral no Centro Superior Katarina Gurska de Madrid. Continuou os seus estudos musicais na Academia Europea de Dirección de Bandas de Música, en Portugal, e na Escola Galega de Dirección de Banda baixo a batuta de mestres de prestixio nacional e internacional.

Na actualidade, estudia na Academia de Dirección de Orquestra co mestre Miguel Romea e cursa o mestrado en Investigación Musical na Universidade da Rioxa. Toda unha vida dedicada á súa paixón que o levou a iniciar un proxecto no 2011 como director da Banda de Música Infantil Luis Costa de Ribadavia e a converterse no director da Agrupación Musical da Limia no 2014. Dirección que segue exercendo a día de hoxe.


No 2021 foi director titular da Banda Sinfónica Galega; no 2022 é nomeado director musical da gala dos Premios Mestre Mateo e crea o proxecto da Xove Orquestra Ourensanía (XOu), da que é director. Unha carreira profesional que o levou a ser nomeado hai uns días como director da Banda de Música de Verín, coa que empezará un novo proxecto bandístico.

Non sabemos de onde saca tempo, pero, ademais, continúa sendo mestre da especialidade de Fundamentos da Composición no Conservatorio de Música Profesional de Verín e director da Coral Sta. Mariña. Falamos con José Luis Tielas.

Dende cando corren as notas polas veas de Tielas?

Eu creo que a min xa me fixeron a moi bo ritmo... (risas). O meu bisavó era o pratilleiro da banda e, a min, tocoume continuar co seu legado. Comecei moi novo, con cinco anos, na escola da Lira de Ribadavia co mestre Salvatierra en clase de solfexo. Co paso do tempo, déronme na banda un saxofón alto; non tiña estoxo e o meu avó Fidel fíxome un de madeira, porque era carpinteiro, acolchado de vermello. Parecía un ataúde, pero ía súper feliz á clase de música co mestre Manuel Vázquez Gregorio. Pero eu era tan pequeno que non podía co saxofón e paseime ó clarinete, que me acompañou o resto da vida.


A súa vida profesional, no que á música se refire, sempre estivo moi ligada á banda. Por que?

A miña vida sempre estivo vinculada ás bandas de música. Foi onde coñecín ós mellores amigos da miña vida e aprendín valores, tanto positivos como negativos. Funme educando: clarinete 3º, 2º, 1º, principal, solista, arquiveiro, director e directivo da Federación Galega de Bandas de Música Populares. Creo que non podería entender a miña vida sen unha banda de música.

Encántame dar clases e relacionarme cos meus alumn@s, vivimos momentos moi bonitos e divertidos

Pero quixo ir un paso máis aló; non chegaba con ser intérprete, tamén director. 
O paso a ser director foi unha casualidade. Despois de anos adicándome a outras cousas, regresei á miña banda e xurdiu a necesidade de crear unha escola porque non tiñamos nenos e, claro, tocoume a min formar a banda infantil Luis Costa de Ribadavia onde comecei dar os primeiros pasos nesta profesión. En Galicia non tiñamos onde formarnos en dirección, polo que marchei a Portugal e logo creei a Escola Galega de Dirección de Banda para poder formarnos na terra. Co tempo, a música volveume liar e decidín continuar cos meus estudos superiores no mestrado en Dirección de Orquestra. Como podes ver, esto tira moito (risas).


É un director, se me permite, creador... De escolas, de bandas e ata de sinfónicas; de onde saca tempo?

Tempo temos moito; todo depende da capacidade que teñas para aproveitalo e para organizarte. Logo, tamén inflúe que esteas feliz realizando todas estas actividades. 

Cada vez que comezas un novo proxecto é unha grande oportunidade para poder aplicar coñecementos, coñecer nova xente e afrontar novos retos e obxectivos. É algo fascinante

Hai un ano que desembarcou no conservatorio verinés como profesor. Como o encontrou?
De casualidade; a verdade é que tiven moitísima sorte. Presenteime ó concurso e gañeino; a partir de aí, traballar e dar o mellor de min. Encántame dar clases e relacionarme cos meus alumn@s, vivimos momentos moi bonitos e divertidos.

Teño o mellor equipo de mestres, de recursos e as mellores instalacións da provincia; o gran Pepe, conserxe do Auditorio, que é a mellor axuda que pode ter un director; e os xefes, Diego e Samanta, que son uns grandes concelleiros. E temos unha súper ANPA que van coma un foguete

Agora recibe a confianza para dirixilo, e tamén a súa banda. Por onde vai empezar?
Foi unha proposta do Concello e, a verdade, é moitísimo traballo; pero é unha grande oportunidade para seguir formándome e poder aprender moitísimas cousas de xestión. Ser o director da Banda de Música de Verín é unha oportunidade para poder practicar todo o que levo aprendido. Cada vez que comezas un novo proxecto é unha grande oportunidade para poder aplicar coñecementos, coñecer nova xente e afrontar novos retos e obxectivos. É algo fascinante.


Fáleme dos propósitos para este ano.

Aterrar e tentar que ninguén saia ferido no asunto... (risas). Este ano tentarei facer un bo grupo de traballo. Teño o mellor equipo de mestres, de recursos e as mellores instalacións da provincia; o gran Pepe, conserxe do Auditorio, que é a mellor axuda que pode ter un director; e os xefes, Diego e Samanta, que son uns grandes concelleiros preocupados, sempre, polo bo funcionamento do centro. Agradecerlles a confianza que depositaron en min. Por último, temos unha súper ANPA que van coma un foguete; incrible a actitude e o traballo dos pais e nais dos alumnos do centro.

Verín é unha vila con moitísimo potencial, o único que temos que facer é remar todos cara o mesmo lado e valorar todo o traballo que moitas persoas están a facer para conseguilo

E a medio prazo en Verín?

Nunca penso a medio prazo, sempre traballo con pequenos obxectivos que poidan ser realizables e evaluables.

Sabe que somos moitos os que anhelamos unha banda municipal de 70 ou 80 integrantes con concertos os domingos e festas de gardar?

Co tempo todo chegará. Verín é unha vila con moitísimo potencial, o único que temos que facer é remar todos cara o mesmo lado e valorar todo o traballo que moitas persoas están a facer para conseguilo; o resto é cuestión de traballo e tempo.

Convenza dende aquí ós pais que dubidan se matricular ó seu fillo por primeira vez nunha aula de música.

Todos sabemos os beneficios que nos achega a música; os que non o fixeron, vanse arrepentir moito (risas).


Para cando o primeiro concerto da banda do conservatorio baixo a súa batuta?

A miña presentación coma director vai ser no concerto de Santa Icía, o 18 de novembro. Logo faremos unha cea todos os integrantes da banda e, despois, iremos mover o esqueleto e pasar un gran momento todos xuntos. Este é o primeiro obxectivo: desfrutar da música e da xente.

ENTREVISTA | José Luis Tielas: "Non podería entender a miña vida sen unha banda"