miércoles. 09.10.2024
ENTREVISTA Á AUTORA DA EXPOSICIÓN "GALICIA EN FÍOS", ATA O 2 DE AGOSTO NA CASA DA CULTURA DE VERÍN

Lorena Quintas: "A artesanía agora é a miña profesión porque ninguén me deu traballo ao rematar a carreira"

Lorena Quintas Rejo (Ourense, 1986) recíbenos na súa casa de Xunqueira de Ambía. Lorena é completamente cega dende hai seis anos, ademáis de se desprazar nunha cadeira de rodas por mor dunha artrite que padece dende nena. Desde o 9 de xullo ata o vindeiro 2 de agosto ten expostos máis de trinta cadros con temática sobre o país. A exposición chámase Galicia en fíos.

Lorena Quintas na Casa da Cultura de Verín ante algúns dos seus cadros o día da inaugración da exposición.
Lorena Quintas na Casa da Cultura de Verín ante algúns dos seus cadros o día da inauguración da exposición.

Paisaxes das provincias galegas, cigarróns, pantallas, gaiteiros, simboloxía celta, Rosalía de Castro, Castelao… son só algunhas das temáticas que centran os cadros da exposición. Conversamos con ela sobre a súa enfermidade, os seus cadros e a exposición que aínda pode ser visitada por toda a veciñanza de Verín e comarca.

Ti non es cega dende que naces, non?

Non, só desde hai seis anos. Eu padezo artrite dende o nacemento, pero esta enfermidade provocoume a cegueira hai seis anos. Foi un proceso difícil, a verdade. Eu sempre tiven dificultades visuais pero ata entón defendíame perfectamente. Esta enfermidade maniféstase en procesos inflamatorios que tamén poden chegar a afectar aos ollos. Primeiro farteime de ir a moitos médicos, pero xa non sabían que facer.

Pero os médicos xa sospeitaban polo avance da enfermidade que esta podería chegar a producir a cegueira?

Eu xa tiña dificultades visuais dende os 18 anos. Tiña adaptacións da ONCE ultimamente pero íame defendendo ben. Eu non vía perfecto pero podía levar unha vida máis normal. Eles chegaron a operarme, pero polo avance da enfermidade o proceso inflamatorio da artrite sempre volve. O que pasa é que a miña artrite é algo máis agresiva ca outras. E, claro, cando eu nacín non había tantos tratamentos como agora para frear a enfermidade. 

Os primeiros anos da enfermidade xa tiveches problemas?

Desde os 15 anos xa non ando. Realmente sempre tiven problemas, porque xa dende nena eses procesos inflamatorios o que fan, por exemplo, é que non deas corrido coma os outros nenos. Pero polo demáis, e aínda que hai moitas cousas que te limitan, eu sempre tiven unha vida normal. 

Cóntame como cambiou a túa vida nos últimos seis anos.

Cambiou todo. Tiven que ir á ONCE a facer adaptacións do ordenador, do móvil, aprender braille… e alí aprendín a empregar todos estes elementos cos adaptadores para as persoas cegas. Hai cousas que non son capaz de facer porque non están completamente adaptadas, pero dentro do que cabe levei ben todo o proceso. 

"Eu padezo artrite dende o nacemento, pero esta enfermidade provocoume a cegueira hai seis anos."

E cando, no medio de todo este proceso comezas a facer os cadros que fas?

Pois haberá catro anos. Como me aburría comecei a ir a clases de manualidades á ONCE e nun dos tres cursos aos que fun, unha das profesoras ensinoume a min en particular a facer este tipo de cadros con fíos. E gustoume moito, a verdade. 

Como é que se realizan estes cadros?

Pois tes unha superficie cun debuxo e bótaselle cola, logo axúdanme a perfilalo con fío e eu logo vou enchendo dende os extremos ata o centro. É un proceso que igual a ti che levaría menos tempo. Eu comecei facéndoo ao comezo para as familias e os amigos e un día ocorréuseme vendelos. Había aquí en Xunqueira de Ambía unha feira de artesanía polo 15 de agosto e chamei ao Concello para ver se podía ir. O que fixen ao comezo foi pedirlle os cadros temporalmente a aqueles aos que llos dera e expúxenos alí. E á xente gustoulle tanto que xa me fixeron os primeiros encargos. E comecei así.

E a partir de aí…

Pois a partir desas, xa creei unha páxina en Facebook e unha conta en Instagram co nome Xogo de fíos. E logo unha páxina web (xogodefíos.com)… e mentres tanto seguín indo a feiras de artesanía por todo o país. Non a moitas, porque para ir dependo de que veñan comigo meu pai e miña nai, pero si a todas as que puiden. Pero agora xa levo cadros para vender alí. Levo os que se me van ocorrendo de temáticas diferentes, pero aínda así sempre me fan encargos especiais. O que pasa é que o tema das feiras é un pouco complicado, porque ao mellor vas a unha feira onde hai moita xente e non ganas nin 10€ e á semana seguinte vas a outra moito máis cutre e saio con decenas de encargos. Xeralmente fago calquera cousa que me encarguen.

Hai case dúas semanas presentaches na Casa da Cultura de Verín unha exposición con algúns dos teus cadros. É a primeira exposición que realizas?

Non. A primeira foi nun local de Ourense. Nas exposicións levo só cadros relacionados con Galicia que vou gardando a parte. E trato de levalos e expoñelos cada mes nun sitio distinto. 

PHOTO-2019-07-17-20-43-33

Cartaz promocional da exposición en verín | IMAXE: Concello de Verín

E na exposición tamén de poden mercar os teus cadros?

Si, claro. Hai nalgunhas que logro vender e noutras non, claro.

E como xurdiu a exposición de Verín?

Pois chamei eu ao Concello (risas). É que vou chamando aos concellos que se me acordan e, claro, hai algúns que non fan nada. 

Hai algúns concellos que che din “aquí nin temos actividades culturais, nin temos técnico nin facemos nada de cultura”.

E que tal a recepción por parte dos concellos cando os chamas?

Pois hai de todo, tamén. En canto chamo, xeralmente pregunto por quen leva as cuestións relacionadas con cultura, que ás veces nin sequera é un concelleiro senón un técnico. E hai algúns que che din “aquí nin temos actividades culturais, nin temos técnico nin facemos nada de cultura”.

Onde che pasou iso?

Nos concellos pequeniños, en moitos. Pero ningún me deu mala resposta. Normalmente son educados. E entón agora o que fago é chamar aos grandes e dígolle que son artesá, porque teño a Carta de Artesanía da Xunta. É un certificado que da a Xunta e acredítache que es artesán. Agora estou pendente de que me concedan a marca Artesanía de Galicia. 

PHOTO-2019-07-17-20-43-31 4

A exposición "Galicia en fíos" inaugurouse o pasado día nove de xullo. | FOTO: Lorena Quintas

E entón, en Verín, dixéronche que sen problema?

Si, si. Puxéronme cun técnico de cultura e logo xa cando inauguramos a exposición, veu a concelleira. Foron moi agradables, miramos as datas que tiñan libres e mesmo convidaron á xente do Centro de Día, mulleres rurais e outros colectivos do municipio á presentación da exposición. E seica xa hai algúns cadros vendidos da exposición, segundo me dixeron.

Entón isto, pouquiño a pouco, foise convertendo na túa profesión, non?

Si, completamente. Agora dedícolle case todo o tempo que paso na casa, cando non saio por aí. E, polo menos, vaime dando para pagar a cota de autónomos. Hai meses que nin para iso me da. Agora logo do verán comezarei a promocionar máis o meu traballo nas redes sociais a través de marketing dixital. Mesmo promocionarei por todo o Estado porque eu os cadros envíoos por correo postal a calquera lugar. 

Foi un proceso complexo de busca de traballo e non me chegaron a ofrecer nin un contrato de proba nin nada.

Pero ti estudaches unha carreira universitaria, non?

Si, eu estudei Ciencias Empresariais, pero ao rematar a carreira tiven o problema de que ninguén me colleu para traballar e naquel momento nin sequera estaba cega. O único que tiña era a cadeira de rodas e podía traballar nunha oficina sen ningún problema. Foi un proceso complexo de busca de traballo e non me chegaron a ofrecer nin un contrato de proba nin nada. E entón o meu obxectivo é continuar con isto, que tamén me gusta, obviamente.

Xa para rematar, para que a xente entenda o valor do traballo que fas, canto tempo che leva facer cada un dos cadros?

Pois os grandes… moito. É un proceso longo. Varios días ou incluso máis dun mes nos máis complexos. E os prezos dependen do traballo que me leve cada un. E, claro, a xente pensa que o fago en cinco minutos, pero non é así. 

Lorena Quintas: "A artesanía agora é a miña profesión porque ninguén me deu traballo ao...