jueves. 25.04.2024
Ledicia como Navia na Rodaxe de Malencolía
Ledicia, como Navia, na rodaxe de 'Malencolía'. | FOTO: cedida.

Ledicia Sola (Ourense, 1978) dá vida a Navia, unha muller que pasa da cosmopolita Berlín a unha aldea galega no último filme de Alfonso Zarauza, Malencolía. É a súa terceira colaboración cun director co que conseguiu en 2014 o Mestre Mateo á Mellor Actriz de Reparto por Os fenómenos. Malencolía estreouse a fin de semana pasada en 24 salas do país e hoxe chega tamén a Verín e o Barco de Valdeorras.


A que alude o título? De que vai o filme?
É un termo galego, o mesmo que melancolía, esa era unha idea, un estado de ánimo, que quería transmitir Alfonso Zarauza. A miña personaxe, que é parte dunha parella que vén de Berlín a vivir nunha aldea galega abandonada, é un pouco a que lle dá ese ton.


Mais parece que a aldea non está abandonada...
Pois non... Hai unha veciña que é tremendamente invasiva e se lles mete na casa todos os días. E ese é o punto de partida para ir descubrindo a aldea e outras personaxes. É un thriller, mais tamén ten puntos de humor. Penso que é unha historia moi nosa. Son personaxes que todas podemos recoñecer.


Como é a súa personaxe?
Pois non ten nada que ver con outros papeis que interpretei antes. A min sempre me dan papeis de empresaria, política... Ese tipo de mulleres. Esta é unha muller que vive en Berlín, que lle gusta a música electrónica, que gusta das poetas atormentadas que se suicidan, e leva media cabeleira rapada. Foi un cambio físico potente, e tamén de rexistro. Con Alfonso Zarauza hai confianza, por iso decidiu arriscar. 

Cal está sendo a recepción desde a estrea en outono no Festival de Ourense?
Onde fomos presentala, puidemos comprobar que gusta. É unha película que mostra a idiosincrasia galega, e ninguén mellor que nós para contala. Ten sustos e retranca. As sensacións están sendo moi boas. 

A min sempre me dan papeis de empresaria, política... Ese tipo de mulleres. Esta é unha muller que vive en Berlín, que lle gusta a música electrónica, que gusta das poetas atormentadas que se suicidan, e leva media cabeleira rapada. Foi un cambio físico potente, e tamén de rexistro.


Como está o cine galego na actualidade?
Hai anos que directores mozos están levando ás nosas historias polo mundo adiante. Falo de xente como Lois Patiño, Oliver Laxe, Jaione Camborda... Mais o cinema galego móvese sobre todo en festivais, falta que chegue ás salas e a todos os públicos. A nivel creativo e de talento, véxoo moi ben. Outra cousa é a precariedade dos medios. Pero o cinema é precario de por si.

Ledicia_retrato de Miguel Zaragozá _small copia
Ledicia Sola. | FOTO: Miguel Zaragoza.

No ámbito cultural, estase remontando a pandemia?
No meu caso, non tiven axuda de ningún tipo. Estiven dous anos practicamente parada e tiven que vivir dos aforros. Non puiden acceder a axudas. Ás veces é suficiente con que che deixen traballar. Bastaría con iso. Pasado este momento, o único que queremos é poder traballar e que a xente volva aos cines e aos teatros.


Recuperouse o teatro?
Andamos niso. Eu estou de xira coas Cigarreiras e temos para todo o 2022. Estamos volvendo e contamos co respaldo do público. 


E na televisión, como andan as cousas?
Pois peor. A produción baixou moitísimo e apenas hai ficción en galego. Temos filmes, temos teatro... Pero se a Televisión de Galicia non produce series, pois o traballo que facemos é para fóra, para as plataformas ou para produtoras de Madrid. 


Que proxectos ten?
Estou escribindo para un espectáculo de monólogos, Sen Restricións. E tamén estou escribindo un guión para unha longametraxe. 

ENTREVISTA | Ledicia Sola: “Malencolía é unha historia moi nosa”