mércores 25/11/20
É, en extensión, o terceiro lume en importancia destes días, logo de Lobios e Vilariño de Conso

En Cualedro queimaron, en 36 horas, o dez por cento do seu territorio

Aínda, segundo Medio Rural, permanecen activos na comarca os lumes de Cualedro, Vilardevós, A Mezquita -con 400 hectáreas arrasadas segundo a última actualización de Medio Rural- e Laza que, no seu conxunto, suman máis de 2.200 hectáreas queimadas.

As lapas, oscurecendo este luns a localidade de Montes. | FOTO: Noelia Caseiro.
As lapas, oscurecendo este luns a localidade de Montes. | FOTO: Noelia Caseiro.

O lume de Cualedro, segundo as estimacións de Medio Rural, vén de arrasar con 1.300 hectáreas ata o de agora, o que supoñen uns 13 kilómetros cadrados, ou o que é o mesmo, máis da décima parte do seu territorio, uns 117, 5 kilómetros cadrados. 

A información que facilita a Consellería esta mesma mañá das superficies arrasadas e os lumes activos e estabilizados é, na provincia de Ourense, a seguinte: 

Vilariño de Conso

Segue decretada, como medida preventiva, a Situación 2 no lume de Vilariño de Conso, parroquia de Sabuguido, cunhas 2.000 hectáreas afectadas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Este lume continúa activo, desde as 02:22 horas do domingo, e segundo as últimas estimacións afecta a unhas 2.000 hectáreas. Para o seu control lévanse mobilizado 16 axentes, 29 brigadas, 13 motobombas, 4 pas, 14 helicópteros e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Lobios

Dende as 19:40 horas do sábado permanece activo o lume de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afecta ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Segundo as últimas estimacións, este incendio consume xa unhas 2.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 18 axentes, 42 brigadas,  22 motobombas, 1 pa, 11 helicópteros e 5 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Cualedro

O incendio permanece activo. Iniciouse ás 14:48 horas do domingo e, segundo as últimas estimacións, afecta a unhas 1.300 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse 11 axentes, 19 brigadas, 12 motobombas, 5 pas, 6 helicópteros e 4 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Chandrexa de Queixa

Está activo desde as 16:07 horas do domingo un lume na parroquia de Queixa, concello de Chandrexa de Queixa, e que afecta provisionalmente a unha superficie dunhas 500 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 5 axentes, 14 brigadas, 6 motobombas, 2 pas e 3 helicópteros.

Rairiz de Veiga

Permanece activo o lume rexistrado no concello de Rairiz de Veiga, parroquia de Sabariz, tras comezar ás 13:44 horas do domingo. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta a unhas 300 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 16 axentes, 29 brigadas, 24 motobombas, 2 pas e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Vilardevós

Activo desde as 1:04 horas do luns un lume en Vilardevós, parroquia de Vilardecervos. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada é dunhas 300 hectáreas. No seu control participan 15 axentes, 21 brigadas, 18 motobombas, 4 pas e 8 helicópteros.

Manzaneda

Activo desde as 5:32 horas do luns un lume no concello de Manzaneda, parroquia de Cernado, que afecta provisionalmente a unhas 200 hectáreas de superficie. No seu control levan traballado 1 técnico, 3 axentes, 6 brigadas e 4 motobombas.

Tamén permanece activo desde as 2:40 horas de onte outro lume neste concello, na parroquia de Paradela, ao que se lle uniu un terceiro rexistrado na parroquia de San Martiño, o que evidencia a clara intencionalidade nos lumes deste concello. Entre os dous suman unha superficie provisional dunhas 120 hectáreas. No lugar están traballando 1 técnico, 8 axentes, 24 brigadas, 15 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

A Mezquita

Activo dende as 12:24 horas de onte un lume procedente de Zamora que, segundo as primeiras estimacións, afecta a unhas 400 hectáreas do concello ourensán da Mezquita, parroquia de Cádavos. Para a súa extinción lévanse mobilizado ata o de agora 5 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas, 2 pas e 2 helicópteros.

Laza

Segue activo desde as 20:29 horas do sábado o incendio do municipio ourensán de Laza, parroquia de Camba, e que afecta a arredor de 60 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 5 axentes, 15 brigadas, 3 motobombas, 3 pas e 4 avións.

Lumes estabilizados

 

Vilar de Barrio

Estabilizado, dende as 19:35 horas de onte, o lume rexistrado no concello de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau. De acordo coas últimas estimacións provisionais, afecta a unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 13 axentes, 34 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 11 helicópteros e 14 avións.

A Gudiña

Estabilizado ás 10:23 horas de onte o lume que se rexistraba ás 20:47 horas do sábado no concello da Gudiña, parroquia de Pentes. As últimas estimacións provisionais indican que rolda as 150 hectáreas de superficie afectada. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 8 axentes, 18 brigadas, 12 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.

Muíños

Estabilizado dende as 21:00 horas de onte o lume do municipio de Muíños, parroquia de Requiás, que afecta ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Este incendio iniciouse en dous focos diferentes e simultáneos, o que dá idea de clara intencionalidade. De acordo coas últimas estimacións, afecta a unha superficie de 9 hectáreas. Polo de agora, para o seu control lévanse mobilizado 2 axentes, 6 brigadas, 4 motobombas e 3 helicópteros.

En Cualedro queimaron, en 36 horas, o dez por cento do seu territorio
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade