sábado. 27.04.2024
CDR O Viso excursión Cualedro
O grupo de excursionistas percorrendo o castro da Saceda, en Cualedro. | FOTO: Cedida.

Ista fin de semana o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso retomaba a actividade "Sábados en familia" organizando unha visita arqueolóxica ó patrimonio do Concello de Cualedro. Unha ruta que contou cun guía de excepción: Nica Mares, autor do libro "Cualedro, aquí tan lonxe".

Os participantes reuníanse no CEIP Vicente Risco para saír cara Cualedro, onde foron directos á Aula Arqueolóxica Antonio Colmenero da localidade para facer unha aproximación á historia do Concello de Cualedro e á súa riqueza arqueolóxica. Pouco despois coñecían in situ todo o visto na aula.

CDR O Viso excursión Cualedro 03
Grandes e pequenos gozaron da ruta para coñecer o patrimonio arqueolóxico de Cualedro. | FOTO: Cedida.

O grupo visitou un petroglifo, unha mámoa, a casa da neve, a coñecida Pena Muller xunto outros penedos da serra e o castro da Saceda; ademais de escoitar e coñecer as lendas acerca do deus Larouco. "Unha verdadeira gozada poder aprender e evidenciar o grandísimo patrimonio que temos aquí, ó pé da casa", afirma Antonio R. Corbal, voceiro do CDRural O Viso. 

A actividade "Sábados en familia" pretende fomentar un lecer saudable na comarca da Limia e arredores, poñendo en valor o patrimonio natural, arquitectónico, arqueolóxico, etnográfico e, sobre todo, o patrimonio humano. 

NOTICIAS VERÍN | O CDR O Viso retomou os sábados en familia cunha ruta arqueolóxica por...