A iniciativa de educación social Palabra e Memoria, centrada no estudo do patrimonio documental dos cemiterios galegos, deu a coñecer os seus primeiros resultados, nos que se constata que, contrariamente ao previsto inicialmente, existen inscricións funerarias en lingua galega nos camposantos dos 313 concellos de Galicia.
Na provincia de Ourense, o primeiro traballo de campo sistemático foi realizado polo historiador e escritor Nica Palomares, quen percorreu as dez parroquias do concello de Cualedro. O investigador elaborou un informe no que contabilizou un total de 1.185 propiedades funerarias, distribuídas entre cemiterios parroquiais e anexos, e identificou o uso do galego en 54 familias, o que representa un 5% do total.
Segundo os datos recollidos, o proceso iniciouse na localidade da Pedrosa en 1983, onde actualmente o modelo en galego é empregado por 3 das 55 familias (5,45%). Na parroquia da Xironda, a porcentaxe ascende ao 6% (9 de 150), mentres que os valores máis elevados rexístranse en Atás, cun 8,5% (7 de 82). Séguenlle Baldriz e San Millao, ambos cun 6,66%, e Lucenza, cun 6,25%.
Nun nivel intermedio sitúanse a parroquia central de Cualedro, cun 4,8% (7 de 146), así como Pena Verde, en Rebordondo (4,7%), mentres que as cifras descenden en Vilela (3,9%), Carzoá (3,6%) e Santa Baia de Montes (2,5%).
O estudo conclúe que a situación de Cualedro reflicte con precisión a evolución do uso do galego no conxunto de Galicia, onde termos como fillos e netos son cada vez máis frecuentes nas inscricións funerarias. Esta recuperación lingüística está impulsada por todos os sectores sociais e experimentou unha mellora significativa na última década, entre 2015 e 2025.
Esta tendencia coincide cos datos do mapa elaborado polo xornalista David Canto Veiga, presentado en outubro de 2024 polo Consello da Cultura Galega, no que se analiza a presenza do galego nos cemiterios do territorio. A chamada selección galega de visualización recompilou información de máis de 100.000 familias nos 313 concellos, sinalando como factores clave o relevo xeracional e a mellora na atención das empresas funerarias.
Segundo esta análise, persoas alfabetizadas en galego durante os primeiros anos da etapa democrática están a asumir agora a xestión e coidado dos espazos funerarios, así como responsabilidades dentro do sector, o que contribúe a incrementar o uso da lingua galega e superar limitacións históricas.
A nivel autonómico, o uso do galego en lápidas e esquelas alcanza valores destacados como o 37% na parroquia de Esteiro (Muros), cifras próximas ao 30% en Castro e Outeiro de Rei, e arredor do 20% en Rianxo. No conxunto de Galicia, a media xeral pasou do 0,8% ao 4% nos últimos anos, nun proceso que continúa aberto á colaboración cidadá.
