
A Furgoteca, a biblioteca móbil impulsada pola Xunta de Galicia como servizo cultural para o rural, volverá estar no Concello de Cualedro a vindeira semana. Será o luns, día 19, cando visite as aldeas de Lucenza, A Xironda e Montes para achegar á veciñanza a súa selección de libros, revistas e outros materiais con servizo de préstamo e consulta.
A primeira parada será en Lucenza, onde estará dende as 15.00 e ata as 16:30 horas; logo, a Furgoteca viaxará ata A Xironda, de 16:45 a 17:45 horas. O final do traxecto da biblioteca móbil polas terras de Cualedro será en Montes, alí permanecerá á espera da veciñanza dende as 18:00 e ata as 20:00 horas.
O proxecto da Furgoteca naceu co obxectivo de cubrir a necesidade cultural nas localidades que non contan cunha biblioteca física, outorgando un espazo aberto a toda a veciñanza para facilitarlles o acceso á lectura, á información e á aprendizaxe.

Así, pódese acceder a préstamos de libros, revistas e outros materiais e recibir asesoramento e recomendacións de lectura, xestionar carnés de usuarios, formación, acompañamento e resolución de dúbidas no eido dixital e organización de actividades culturais, como obradoiros, clubs de lectura ou contacontos, entre outros.
O calendario completo pódese consultar na web da "furgoteca" aquí.