domingo 29/11/20
O filme do ourensán Ignacio Vilar, María Solinha, proxéctase dende as 21:30 horas no parking central

Esta noite chega a Verín a exitosa fórmula dos 60 nos EE.UU.: o autocine

Dende as 20:30 horas queda aberto o espazo público do estacionamento central da vila de Verín para que comecen a entrar os vehículos que mercaron a entrada para a estrea do filme María Solinha, que esta noite se estrea mundialmente na fórmula do autocine.

Antes, o equipo da rodaxe visitará a adega Gargalo do deseñador Roberto Verino

O equipo de María Solinha estará presente este domingo na estrea do filme no autocine de Verín.
O equipo de María Solinha estará presente este domingo na estrea do filme no autocine de Verín.

O encargado de promover as iniciativas "Cine na rúa" é Xoán Mariño, responsable da produtora Mr. Misto e director de son de María Solinha. Mariño leva xa anos promocionando esta opción nas comarcas galegas. Todo comezou coa proxección de curtametraxes en espazos públicos e bares. Logo xurdíu a idea de trasladar estes eventos ás rúas e pouco a pouco foron collendo forza. "O tema do coronavirus fíxonos pensar en facer as proxeccións na rúa máis fiables de cara ao contaxio. Por iso, rescatamos o concepto do autocine, porque é unha experiencia especialmente segura en termos de saúde", explica o técnico de son do filme que se estrea no autocine de Verín este domingo ás 22:30 horas.

A idea é que sirva de piloto para facer logo unha programación en autocine con máis películas, durante este verán. O arranque da tempada será en Verín e trasladarase logo a máis concellos e vilas galegas: A Rúa, Trives, Castrelo de Miño ou Maceda son algunhas delas.

Onde naceu o autocine?

O concepto do autocine pode resultarnos máis propio da cultura estadounidense que da galega, pero o certo é que a primeira representación dun espectáculo dende o coche xurde no ano 1915 en Las Cruces, México. E o que alí se representou non foi un filme, senón unha obra de teatro: concretamente no Teatro de Guadalupe. Ao ano seguinte, nesa especie de autoteatro mexicano, proxectouse por primeria vez unha película: Bags of Gold, dirixida por Siegmund Lubin.

Na cultura anglosaxona coñécese co nome de drive-in theater ou drive-in cinema e representa unha forma distinta de consumir contido audiovisual. A grandes rasgos, consiste nunha gran pantalla de cine ao aire libre que conta cun aparcadoiro para os espectadores e as espectadoras. É dicir, que podes ver a película dende o coche.

Entre outras cousas, Xoán Mariño admite que esa é a razón de que triunfase máis na cultura estadounidense: porque hai unha maior tendencia a desprazarse no coche. Especialmente nos anos finais dos 50 e primeiros 60, cando se produce a eclosión do autocine.

Xoán Mariño admite que en Galicia non temos moita experiencia no tema do autocine, precisamente porque "é un concepto un pouco alleo". En España, existen xa dende fai algúns anos autocines permanentes en 6 cidades: entre elas Xixón e Madrid. No Levante, por exemplo, hai varios autocines pero só están abertos na época estival. Xoán Mariño admite que a idea dun cine permanente en Galicia é un proxecto a longo prazo, pero habería que contar coa rentabilidade e pensar na climatoloxía, entre outras cousas.

Perspectiva e son

Pero o autocine tamén implica algunhas complexidades técnicas engadidas. Por exemplo, a proxección de María Solinha en Verín levarase a cabo a través dunha pantalla de 16×10 metros cadrados. Neste sentido, é máis complexo controlar a perspectiva. Do mesmo modo, a técnica do son tamén é distinta. Nas súas orixes, o son das películas proporcionábano os altavoces da propia pantalla pero podemos imaxinar as dificultades que supuña. Co tempo, substituíronse por pequenos altavoces individuais colgados das fiestras de cada automóbil e que se conectaban por medio de cables. Xoán Mariño afirma que agora é máis sinxelo: o son da película emítese a través dunha frecuencia FM que calquera pode sintonizar dende a radio do seu coche.

O director de son de María Solinha afirma que é unha experiencia distinta á das salas de cine convencionais posto que pode ser desfrutada de maneira máis íntima: en parella, en familia, cos nenos… Ademais, podes recoller o teu menú xa que, os autocines, contan a miúdo con postos de comida en forma de foodtracks: o coñecido en galego como gastroneta. Son camionetas preparadas para a producción e venda de alimento que tamén poden axudar enormemente á promoción do produto local

Visita á bodega Gargalo antes da gala

O plantel de actores da película María Solinha visitarán este domingo ás 18:00 horas a adega de Roberto Verino en O Gargalo, encabezados polo seu director, Ignacio Vilar, horas antes da estrea en autocine da película en Verín. O reparto quere escenificar así o seu compromiso co sector do viño galego, que retoma a súa actividade tras o parón provocado pola Covid-19.

Os espectadores poderán acceder dende as 20:30 ao parking central de Verín, e gozar dos menús da hostalería local que poden encargar na web rumbonosmovemosporti.com. A gala de estrea comezará ás 21:30, e a película se proxectará a continuación, cara as 22:30.

O director do filme María Solinha, Ignacio Vilar, afirmou que a súa visita ás instalacións de Adegas Gargalo quere exemplificar "o seu compromiso cos viños de Monterrei e os de toda Galicia, nun momento en que todos temos que reinventarnos, como facemos nós coa aposta que lidera Verín polos autocines". No viño, afirmou Vilar, "Roberto Verino é pioneiro na promoción do enoturismo e dos viños de Monterrei, e queremos ser os primeiros en brindar con el por iso".

Esta noite chega a Verín a exitosa fórmula dos 60 nos EE.UU.: o autocine
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade